Delio Sánchez: O artista namorado de Nova York

UXía Pérez / m. x. b. RIBEIRA /LA VOZ

RIANXO

gus de la paz

Expón en Rianxo unha serie de pinturas sobre a escena musical norteamericana

01 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un concerto de jazz anima unha das salas do Lincoln Center, en Nova York, no ano 2015. Entre os múltiples espectadores atopábase Delio Sánchez, un pintor noiés apaixonado pola música jazz e pola cidade estadounidense. A súa admiración por estes ritmos son tales que, dende hai 12 anos, almacena na súa memoria recordos sobre os centos de concertos cos que se deleitou na urbe. Estas lembranzas serviranlle posteriormente de inspiración nas súas ilustracións.

Agora, son estas as obras que adornan a sala de exposicións do auditorio de Rianxo, con motivo da celebración do festival Noites de Jazz. O Concello homenaxea, ao igual que o fai Delio Sánchez na súa pintura, ese escenario musical tan presente na cidade neoiorquina.

«O jazz é unha das miñas máximas inspiracións, cando non o estou plasmando no lenzo, estouno escoitándoo no meu estudo», comenta o artista. É por isto que na súa obra, non só se poden ver plasmados intres de concertos, senón que tamén presenta, retratos de certos músicos aos que el admira.

As súas referencias

Nomes como  Miles Davis, John Coltrane, Paolo Fresu ou Hiromi Uehara, non só soan no seu tocadiscos, senón que ademais deixan unha pegada moi importante nos seus lenzos. Os retratos destes artistas, tamén lucirán nas paredes do auditorio de Rianxo, xunto coas instantáneas daqueles concertos.

Así mesmo, autores autóctonos confiaron nas súas destrezas e coñecementos sobre o jazz, deixándose retratar por el. Este é o caso de Abe Rábade, músico do gremio, que no 2008 presentou o seu disco Open doors cunhas ilustracións exclusivas de Delio.

O pintor sabía que, «para coñecer o verdadeiro jazz, tiña que ir a Nova York». Ao chegar alí topouse cunha masificación absoluta de todo o que coñecía: «A palabra coa que definiría a cidade é descomunal, pois é enormemente grande, cunha cifra esaxerada de xente, excesivamente masificada... Pero, sobre todo, cun excepcional número de posibilidades artísticas vaias a onde vaias. E por iso creo que, para ir aló, hai que estar moi preparado». Despois dun pequeno intervalo de incomprensión provocado polo rápido movemento e funcionamento da cidade, esta foi quen de atrapalo por completo.

Pese a vivir en Galicia, Delio tenta «pasar alí, cada tres anos, un par de meses pintando e experimentando coa música». Isto provoca que acumule na súa memoria un abundante número de experiencias musicais.

Durante estes concertos, e para non desaproveitar nin o último segundo das actuacións, captura co seu teléfono instantáneas que máis tarde transformará en obras de arte. Esta historia é a que sucedeu durante aquel concerto no Lincoln Center.

Esta non é a primeira exposición que o pintor fai sobre o tema, pois estes lenzos xa recorreron as miradas de moitos apaixonados do arte. Nova York, Porto e Santiago de Compostela son algunhas das cidades que puideron deleitarse cos seus cadros.

Delio Sánchez afirma: «Cando viaxo a Nova York non o fago para visitar Estados Unidos, o que estou a visitar é a capital do mundo». Este alcume co que o pintor nomea á cidade débese á mestura de culturas e ao auxe artístico que hai nela, e a que segundo el, non se pode comparar con ningún outro lugar do mundo. «Xa me irá tocando volver para o ano», sorrí mentres agarda o seu regreso. As pinturas que alí realizou non so se resumen á música, pois as súas rúas máis emblemáticas e as súas xentes tamén son algúns dos temas que enchen os seus lenzos.

Co seu arte expresionista, Delio é quen de transmitir unha das súas grandes paixóns a todos aqueles que decidan interesarse pola súa obra.

«New York jazz». A colección de pinturas de Delio Sánchez estará aberta ó publico na sala de exposicións do auditorio de Rianxo ata o 17 de agosto.

A súa inspiración. O jazz non é a única temática na súa obra. De feito agora está a presentar a súa exposición de arte abstracta Ecléptica.