«A casa de Castelao ten que ser un proxecto de país»

La Voz

RIANXO

21 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Adolfo Muíños afronta o seu terceiro mandato cargado de ilusión e coa intención de ver un bo número de proxectos feitos realidade nos que leva traballando arreo moito tempo, tanto el coma os seus compañeiros.

-Como afronta estes próximos catro anos?

-Con moita ilusión e tranquilidade, pois o pacto é positivo. Quedan retos importantes por sacar adiante e impulsar diversas actuacións como é o saneamento, que esperamos estar moi cerca de completalo; a nova depuradora, a fachada marítima e sobre todo, o plan xeral, pois estásenos a demorar máis do previsto.

-Cal é a súa maior preocupación?

-O plan xeral é unha das máis importantes, pois leva dende o 2011 adxudicado. É unha ferramenta esencial para o desenvolvemento do municipio e para a expansión de núcleos urbanos. Este é necesario para favorecer o aumento moderado de vivendas e que Rianxo medre de forma prudente e sustentable. Preocúpame tamén a perda de dinamismo comercial. Hai que facer propostas concretas para frear o peche de comercios, incluso baixar os impostos dos baixos.

-Como vai o polígono industrial?

-A verdade é que non vai tan ben como esperabamos. Hai o 33 % das parcelas vendidas, pero tiñamos que intentar que veña algunha empresa importante para impulsar definitivamente este parque, que ten todas as condicións para despegar e sería un condicionante moi importante para a economía local.

-Cales son agora mesmo as prioridades?

-Aparte das xa mencionadas, tamén estamos a traballar no centro de día. Xa compramos o pazo de Rianxiño, pero queremos iniciar conversas coa Xunta para que sexan eles quen o xestionen. Este é un servizo que hai en toda a comarca e que financia a Administración autonómica e porque non van a facer o mesmo en Rianxo. Non somos diferentes

-Como está a posibilidade de que a casa de Castelao pase a ser un ben público?

-Quen debería dirixir esa recuperación é a Xunta pois Castelao e Rosalía son os dous referentes da cultura galega. A casa habería que convertela nun centro de visitas a nivel galego pois é o pai do nacionalismo. Dende o Concello intentamos manter unha canle aberta cos propietarios e hai vontade por ambas partes para chegar a un acordo pero, insisto, a casa de Castelao ten que ser un proxecto de país que ten que liderar o Goberno galego.