Ángel Lorenzo: «Ninguén se libra das rotacións»

s. gómez

RIANXO

DANI GESTOSO

Este curso deu un paso ao fronte, pasando a exercer como primeiro adestrador do Taragoña

16 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ángel Lorenzo (Rianxo, 1973) leva tres anos no corpo técnico do Taragoña. Este curso deu un paso ao fronte, pasando a exercer como primeiro adestrador. Cunha idea de fútbol moi clara, onde o balón é protagonista, o conxunto da Lomba é candidato a todo.

-¿Que meta se poñen?

-Non hai ningunha. Ninguén se propón ascender, pero se cae, iremos con todo. Veremos como responde o equipo. Temos un conxunto veterano e para competir en Primeira faríanos falta rexuvenecernos.

-¿Como valora os primeiros partidos dirixindo ao equipo?

-De momento vai todo ben. É o mesmo grupo que nos últimos tres anos. Non variamos nin filosofía nin sistema de xogo. Todo segue sobre rodas.

-¿Que Taragoña lle gustaría que viran os afeccionados?

-Sempre me gustaron os equipos que xoguen, que toquen o balón e que gocen con el. Creo que é o que fai a un afeccionado pagar. Nese camiño estamos traballando. Esta semana estivemos traballar a presión tras perda.

-Dende o banco do primeiro equipo, ¿que saúde goza o club?

-Creo que moi boa. Estivo durante anos sen categorías base, pero fai catro retomámolas. Esta temporada temos dende cadetes ata prebenxamíns, con dous alevíns e outros tantos infantís. Só nos faltan os xuvenís.

-Iso dificulta a renovación do conxunto sénior.

-É onde temos o problema. É complicado porque impide darlle frescura ao equipo.

-¿A quen ve como candidato ao ascenso de categoría?

-De momento o Ribeira parece que é o que mellor está. O Cacheiras, contra o que xa xogamos, penso que tamén estará arriba. Fichou moita xente. A maiores, o Lesende e Cabo apuntan forte.

-¿Cal é o referente do Taragoña?

-Creo que está moi dividido. Dos 22 xogadores que teño calquera pode ser titular ou non entrar na convocatoria. Ninguén se libra das rotacións -ri-.