«A UNED Senior de A Coruña é case unha experiencia singular en España»

ANTÓN VILARIÑO

RIANXO

ABRALDES

A aula que impulsou en Rianxo no 2013 está a ter unha boa acollida

31 oct 2017 . Actualizado a las 14:36 h.

«Olvidadizo de que ya lo era, quise también ser argentino». (J. L. Borges)

Miguel Somoza Rodríguez é profesor de Historia da Educación e Educación Comparada na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Madrid. Como investigador coñece moi ben as carencias que a escola franquista provocou na maioría das persoas maiores de 55 anos en España, sobre todo no medio rural. En Rianxo e na Barbanza a situación foi moi parecida ao resto do país polo que a implantación aquí da UNED Senior podía axudar a que as persoas maiores puidesen acadar agora aquela formación que antes lles negaron. No mes de xaneiro de 2013, despois da homenaxe a Castelao na Ribeira de Rianxo, faloume da súa idea de «traer» a UNED Senior a Rianxo.

-Miguel, que pensas hoxe, cinco cursos despois, da túa idea de traer a UNED Senior a Rianxo?

-Pois creo que non saíu tan mal: os cursos do ano anterior tiveron case 150 alumnos. Empezamos de maneira modesta en outubro de 2013 cunha oferta inicial de seis ou sete cursos dos cales só se abriron catro. Co paso do tempo e coa difusión da información foron aumentando, sinal de que había unha certa necesidade de actividades dirixidas aos maiores que a UNED Senior veu cubrir. Teño que dicir que a idea xurdiu despois de ver unha nota na Internet na que Luís Patiño, o cura párroco de Xermade e coordinador da UNED Senior na Coruña, falaba do resultado da experiencia en concellos no norte da provincia. Luís Patiño xa viña traballando niso e incluso promovera un consello de anciáns de Xestoso-Cambás (Monfero).

-Como foi a acollida da UNED Senior en Rianxo?

-Penso que bastante ben, tendo en conta a boa acollida que foron tendo os cursos. Quero destacar que a UNED Senior de A Coruña é case unha experiencia singular en España. Mentres que a maioría dos centros asociados da UNED teñen un alumnado sobre todo urbano, na provincia de A Coruña, pola contra, e debido á acción inicial de Luís Patiño, a maioría dos cursos Senior teñen asento no rural, con todo o que isto implica: menor nivel de formación escolar e poboación máis avellentada, pero tamén xente cunha experiencia vital moi intensa, unha vida sacrificada, o retorno da emigración; é dicir, xente con moitos saberes e coa capacidade de transmitilos como patrimonio cultural vital e colectivo. Esta recuperación de saberes tradicionais está presente, por exemplo, nos cursos de Prácticas e saberes labregos ou Cociñando os nosos recursos.

-A Aula de Cultura Musical da Galiza, impartida por Xosé Luís do Pico, está traballando no Fondo Local de Música do Concello de Rianxo. En que consiste este fondo?

-O labor de Xosé Luís do Pico é admirable e a Aula de Cultura Musical da Galiza está, sen desmerecer a ninguén, á vangarda das accións culturais na Aula Senior. Os «alumnos», que son tamén «profesores», rememoran, explican e transmiten cancións e melodías conservadas a través da memoria oral, ademais de cantalas cando se fan actuacións musicais. Por outra banda, Xosé Luís do Pico foi recuperando e catalogando arquivos musicais pertencentes a autores e familias de Rianxo, de finais do século XIX e principios do XX, que dan conta do interese e importancia da práctica musical nesta vila e comarca, e tamén arranxando esas composicións para executalas instrumentalmente ou cantalas cos alumnos do curso, como se fixo co proxecto de investigación e no posterior concerto Rianxo na Belle Époque, no 2015. Unha mostra do que se fai pódese ver na canle de YouTube «Aula de Cultura Musical da Galiza». Imos propoñer ao Concello que no proxecto de restauración da casa de Rafael Dieste se habilite un espazo destinado a albergar o Fondo Local de Música, para preservalo e difundilo, que sirva tamén para os investigadores e público interesado.

-Que outras actividades se irán poñendo en marcha na Aula da UNED Senior de Rianxo?

-Neste curso imos ter unha serie de conferencias e actos relacionados coa memoria histórica: Xustiza, Memoria, Verdade, pois en España, aínda hoxe, 39 anos despois de aprobada a Constitución de 1978, están pendentes de xustiza máis de cen mil vítimas do franquismo que foron asasinadas e enterradas en calquera sitio: «desaparecidos/as». E os responsables nunca pagaron por isto. Empezaremos o 18 de novembro coa conferencia de Bernardo Máiz: Por que se sublevaron os militares no 36?. A resistencia popular en Galicia. Logo, en decembro, teremos: A represión na Barbanza, por Xesús Santos, Miguel Somoza e Antón Vilariño. Para o ano que vén esperamos contar con Xosé Luís Axeitos, Xosé Ramón Brea, Carlos Cimadevila, Luís Bará, entre outros historiadores, para rematar en maio cunha homenaxe ás mulleres solidarias cos prisioneiros do Campo de Concentración de Rianxo e tamén en lembranza de todas as mulleres represaliadas e solidarias. Esta homenaxe estará coordinada por Montse Fajardo. Organizaremos un club de lectura, conxuntamente co IES Félix Muriel. A biblioteca do IES estará aberta os martes pola tarde, de 16.20 a 18.00, para sacar libros en préstamo e participar en actividades culturais.

Disporemos ademais dunha Aula do Mar. Os mércores de 11.00 a 13.00 horas teremos aberta unha dependencia da UNED Senior para consultas e organización de actividades.

«N-a Avenida de Mayo /xa deserta /aínda fica só /caviloso /Xuan»

(Manuel Antonio).