Pasar Oeste

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIANXO

23 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

noite de Noiteboa é, con diferenza, a que paso máis fame do ano. A miña nai opina que as ceas de Nadal son horrorosas e orondantes, así que decide someternos esa noite a unha sorte de réxime marcial alimentario polo cal nesa cea cómese moito menos que en calquera outro rutinario xantar do ano.

Pasamos leste, como se di na nosa costa, frase mariñeira que reivindico neste xornal antes de que tamén a perdamos. Así que nos consolamos coa barra libre de postres e nas expectativas do xantar do día de Nadal co seu orondo capón da casa, de carnes escuras, e as súas pataquiñas guisadas. Xa ven que as desconfianzas maternais rematan, coma os contos de fadas, ás doce da noite.

E iso que neste país, ao final, todo sempre se compensa. Quero dicir que se poden servir unhas boas nécoras, unhas centolas, dous puñados de percebes e unha fonte de ameixas de Carril (eu prefiro as da banda de Rianxo, son máis saborosas) que dan vinte voltas a esa horrorosa idea do langostino coa que nos martirizan as televisións de Madrid e rematar co bacallau con coliflor, que vén sendo como a sacarina no café despois dun cocido. A única concesión á certa elaboración pode ser a allada, que salva a melancolía triste da coliflor fervida.

Por iso, nestes días, deséxolles que non pasen leste, senón un ventureiro Oeste. Porque do Oeste chega o noso Océano, as nosas Américas e ao Oeste crían os nosos devanceiros que marchabamos cando aquí non quedaba nada por facer.