Pepa Martínez participa en colectivos como a confraría de Semana Santa, a coral ou Ondiñas Mainas
28 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.A algúns pareceralle que estar involucrado en asociacións que requiran a realización dun traballo gratuíto e a dedicación de tempo libre non paga a pena. Pero hai moitas outras persoas que opinan o contrario, que viven pensando na procura do ben común. A este segundo grupo de xente é ao que pertence Pepa Martínez. Desde que hai máis de dúas décadas entrou a formar parte da coral rianxeira foi abrindo portas en distintos eidos, ata converterse en peza fundamental de boa parte das partidas lúdicas que se xogan no berce de Castelao.
Non lembra cando empezou a súa paixón pola realización de actividades colectivas: «Penso que sempre estiven disposta a colaborar en todo». De feito, leva un cuarto de século sendo unha das artífices das alfombras florais que engalanan cada mes de xuño as principais rúas de Rianxo, pero tamén contribuíu a impulsar a Semana Santa mediante a posta en marcha da Irmandade da Paixón de Cristo e mesmo ven de fundar, xunto cun grupo de veciñas, un colectivo dedicado ao eido da artesanía, outra das súas grandes afeccións.
Pepa Martínez ten claros os seus obxectivos: «Dinamizar Rianxo é o que me move. Quero atraer xente e poñer en valor a vila». Tamén lle tira a satisfacción persoal que sinte cando ve culminado cada proxecto no que se mergulla. Asegura que desde que cumpriu o medio século de vida, «cos fillos no seu mundo», volveuse hiperactiva: «Sempre necesitei alimentar o espírito. Fun amante da música e da lectura desde pequena e interesáronme os cursos e as conferencias. Ata descubrín o mundo da informática, que me pareceu fascinante».
Últimos proxectos
Formando parte da coral e do colectivo encargado da confección das alfombras de Corpus, esta rianxeira decidiu hai cinco anos que había que darlle un pulo á celebración relixiosa por excelencia. Ela confésase católica practicante e, desde hai máis de dúas décadas, colabora coa parroquia exercendo de catequista: «A Semana Santa sempre foi unha espiña cravada para min, que vía con tristura como ía decaendo. Por iso, un grupo de veciños que compartiamos esta inquedanza, decidimos xuntarnos para darlle un pulo». E vaia se o conseguiron.
No seu afán constante por permanecer activa, Pepa Martínez involucrouse hai uns meses no que de momento é o seu último proxecto, o colectivo Ondiñas Mainas, que reúne a un grupo de artesáns do municipio. Explica que esta afección polas agullas e os fíos é a herdanza da súa xeración: «Daquela todas as nenas empezabamos a calcetar ou a coser desde pequenas. No meu caso, aínda que estudei auxiliar administrativo e estiven un tempo traballando diso, nunca deixei de facer labores. Cando tiven os fillos, para poder conciliar a vida laboral e familiar, merquei unha máquina de tricotar».
Traballo en comunidade
A rianxeira comenta que Ondiñas Mainas, o que pretenden é «facer visible un traballo que permanecía oculto, ao que non se lle daba valor porque se realizaba en horas perdidas, na casa, pero que agora mesmo está en pleno auxe». Insiste en que o seu amor pola vila é o que a leva a involucrarse en actividades, sobre todo en aquelas que requiran unha suma de esforzos: «Para min, a maior satisfacción é o traballo en comunidade».
Do que Pepa Martínez leva feito nos últimos anos poderían destacarse moitas accións, pero ela quédase coa confección conxunta dun chal para a Rianxeira, que lle foi colocado o 25 de xullo do ano pasado, e coa realización de adornos con material reciclado cos que se engalanou o pobo nas datas de Nadal: «A recompensa foi un gasto de cartos, pois non tivemos patrocinio, e de tempo, pero ver a veciños de todas as idades traballar xuntos é o máis grande».
pepa martínez