Luis Oujo: «Se a hostalería estivera máis aberta poderían evitarse moitos problemas»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

MARCOS CREO

O rexedor dá as claves do éxito turístico do municipio nun verán singular

22 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois dunha década á fronte do Concello de Porto do Son, un dos que máis visitantes atrae todos os veráns, Luis Oujo sabe como facer fronte ás particulares dificultades que supón o incremento da poboación nesta época do ano, incluso nunha situación de crise sanitaria como a que estamos a vivir. Magoado pola necesaria suspensión das grandes citas estivais do municipio, o alcalde é optimista sobre o futuro.

-Hai a impresión xeral de que este verán a afluencia de turistas é maior, teñen datos que confirmen esta percepción?

-Creo que este 2021 está a ser o ano que máis xente pasou por Porto do Son. Aínda non temos un avance, pero os datos de visitas ao castro de Baroña van ser espectaculares. E na hostalería, os negocios teñen as fins de semana completas a 15 días vista. Iso é algo moi bo.

-Cre que a baixa incidencia do covid no municipio está a ser un aliciente máis?

-Está claro. Estamos en nivel baixo e iso, ademais de permitirnos ter máis aforo, dálle confianza á xente. Se ti tes unha segunda residencia nun concello en nivel alto é posible que vaias igual de vacacións, pero andas con máis precaución, saes menos, non frecuentas tanto os locais hostaleiros... E eu creo que a hostalería non é a culpable dos contaxios, están a facelo moi ben, cumprindo e facendo cumprir as normas.

-Cre que podería abrirse máis a man cos aforos e horarios?

-Se a hostalería estivera máis aberta eu creo que se poderían evitar moitos problemas, evitaríanse as reunións e festas no ámbito privado. Todos sabemos o que pasa, e se xa estando nun establecemento nos relaxamos coas normas, na casa moito máis. En calquera caso, se no Son estamos na boa situación na que estamos é porque se cumpre.

-Como está a repercutir en Porto do Son a suspensión de citas como a Festa Hortera ou as celebracións do Carme?

-Todas esas actividades que facíamos estaban moi asentadas no calendario, o fin de semana da Festa Hortera eran uns días de moitísima xente e moitísima facturación para a hostalería. E logo están todas as festas das parroquias, que non se poden facer e tamén son importantes. Con todo, dadas as circunstancias nas que estamos, non nos podemos queixar. Para a hostalería, un bo verán é fundamental para aguantar o inverno e están contentos.

-Que está a facer o Concello para suplir esas grandes citas?

-Estamos facendo pequenas actuacións nas rúas as fins de semana. Iso tamén anima o ambiente, e están funcionando moi ben- Hai que adaptarse á situación que estamos vivindo e buscar alternativas. Esperemos que o ano que vén, coa poboación xa vacinada, poidamos recuperar todas esas actividades multitudinarias porque a verdade é que dá pena non poder celebralas. As festas son un trazo singular de cada lugar e é unha mágoa que non as haxa.

-Dicía que este ano hai máis visitantes ca nunca no Son, onde o aumento da poboación é moi importante. Que dificultades engadidas ten esta situación nun momento de crise sanitaria?

-Máis ou menos, as dificultades son as mesas que calquera outro verán. É certo que hai persoas que están máis preocupadas polo covid e se ven un grupo un pouco grande de xente se poñen nerviosas e chaman ao concello ou á Policía Local, pero non houbo grandes problemas nese sentido. Aquí poida que tripliquemos a poboación no verán, sobre todo as fins de semana de bo tempo, e preocúpannos outras cuestións.

-Cales son os principais problemas que teñen que afrontar nesta época do ano?

-A principal preocupación é o subministro de auga. Notamos moitísimo o aumento da poboación no consumo de auga e temos que estar moi atentos aos depósitos. Tamén estamos en continua comunicación coa planta de Servia pola recollida do lixo. A vantaxe que temos é que xa sabemos por onde van ir as cousas e estamos preparados para facerlles fronte.

«Temos que aproveitar as singularidades de cada concello da ría para promocionar o destino»

Se houbera que elixir un único punto que actuase como polo de atracción de visitantes a Porto do Son sería, sen ningunha dúbida, o castro de Baroña. Pero Luis Oujo quere que iso mude.

-Citaba antes as visitas ao castro de Baroña, é o neno mimado de Porto do Son?

-É un xacemento moi singular e moi espectacular, visítano miles de persoas cada ano. Se fóramos capaces de conseguir que o 5 % da xente que pasa por alí parase en Porto do Son serían cinco mil persoas máis as que consumirían nos locais de hostalería, comprarían na praza de abastos ou no comercio sonense, e temos que traballar nesa liña. Hai moitas persoas que chegan en viaxes organizadas en autobús, visitan Baroña e marchan. Temos que ensinarlle á xente que temos moito máis que ofrecer, que non é un sitio de paso. E neste sentido temos que traballar a nivel comarcal, aproveitar as singularidades de cada concello da ría de Muros-Noia para promocionar o destino de forma conxunta. Barbanza está entre dous xeodestinos que están moi asentados, a Costa da Morte e as Rías Baixas, e temos que aproveitar iso. Temos un potencial enorme e a vantaxe de que somos moi virxes dende o punto de vista turístico, podemos mellorar o que se fixo mal noutros sitios.

-A obra da facha marítima pode ser outro recurso interesante para atraer visitantes?

-Estou moi satisfeito con esa actuación, traballouse moito no proxecto para conseguir o obxectivo de conectar toda a actividade portuaria coa vila, que é o que ten que ser porque é o que nos define, O Son naceu no porto. Vaise conseguir integrar o xardín, a praia, o mirador da Atalaia... Creo que vai ser unha actuación que vai marcar tendencia á hora de facer este tipo de actuacións noutros peiraos de Galicia.