Máis de dúas décadas lembrando aos mártires de Cans

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

MARCOS CREO

Nebra foi escenario de dúas novas homenaxes ás vítimas do 12 de outubro de 1916

13 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin a crise sanitaria impediu que onte os veciños de Porto do Son volveran á ponte de Cans para recordar a historia dos seus mártires, os cinco labregos asasinados o 12 de outubro de 1916. A súa historia estivo agochada durante décadas, pero dende hai xa 21 anos a parroquia de Nebra acolle diversos actos na súa memoria.

O covid si que afectou á iniciativa veciñal impulsada hai máis de dúas décadas por Paco do Martelo, que se celebrou, pero por precaución optouse por non convocar á cidadanía á ofrenda floral que se fixo ante a placa que recorda o acontecido en Cans hai 104 anos.

Os que si contaron coa presenza varias ducias de persoas foron os representantes do BNG sonense, que promoven outra homenaxe aos mártires de Nebra. O voceiro da agrupación nacionalista en Porto do Son, Balbino González, reivindicou a importancia de traer á memoria o asasinato dos cinco veciños que participaban nunha manifestación contra o pago dun imposto inxusto. «Non foi suficiente con asasinalos, senón que foron condenados ao esquecemento», relatou. Deixou claro que a ofrenda floral que realizan todos os anos é un acto político, como o foi a sanguenta protesta de 1916.

Pola súa banda, a deputada Rosana Pérez sinalou que aquela manifestación fora un acto de resistencia e de rebeldía contra a orde establecida e apelou a ese espírito para aplicalo no momento actual, para mudar realidades como situación de Alcoa ou a pandemia. Neste sentido, subliñou: «Agora estamos a ver as consecuencias das políticas de derribo dos servizo públicos e iso hai que cambialo».