CRÍTICA
26 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Nestes días participo na interesante iniciativa xerada por Barbantia, que nos cita na Casa da Cultura de Porto do Son, onde expoñemos traballos creadores da comarca, moitos ós que coñezo e mais outros ós que non. Ós primeiros pertence a grata simbiose que forman o cadro e o poema de Fran Blanco Alcaide. Este tándem ben sincronizado levoume a reflexionar sobre esa Transgresión que se me propuña como título. O poema, firme peaña escrita na que se sustenta a imaxe, fai grata voz en off do artista que incorre e discorre polas canles e circuítos da creación. Incítame a pensar cómo manufacturan os poderes creadores das mentes latexantes, nas inquedanzas grises neuronais do hemisferio esquerdo, e no verter dos fluídos puños do talento. O talento, pensaría nel, pero non para definilo por pura controversia. Pensaría na ansia de crear, no ser coma mundo complexo atormentado na busca da representación, na galaxia de incerteza que somos, fuxindo en canto soñamos espertos, coa intanxible TV da irrealidade. Compatibilidade Pensei tamén na consciencia, mirar o mundo dende o interior dun acuario, esa frustrante limitación de cristal que permite ver pero non alcanzar, que te obriga a pensar que existes escoitándote no teu propio silencio. Pintura e poema, intimamente compatibles. Identifícome con Fran, en canto me autorizo, ás veces, a anoar palabras e darlles puntadas para filtrar o meu espazo «vivido que me segue a empurrar». E vou máis alá e pinto, dende a miña fronteira co dominio da técnica e da materia, inconsciente de saber onde se oculta o Santo Grial do talento, outorgado discriminadamente por non sei ben que eminentes deuses. E vou sangrando nos fondos brancos o meu «pranto», coma el, e cavilo coas verbas, ás veces duras e feridoras, noutrora sedosas e cálidas coma as cores. E prendo esas «pantasmas» no cárcere dos lenzos e dos poemas. Paga a pena deterse de cando en vez nestes anacos de ser que se nos ofrecen tan gratamente, dando a coñecer o que a outro lle bule no seu acuario.