Que puido cambiar nas poucas horas que transcorreron desde que parecía que si habería investiduras ata que se confirmou o contrario?
19 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Cando parecía que, por fin, chegaba a hora de investir gobernos e acabar de vez con rumores, contos que un leva e outro trae e negociacións máis ou menos transparentes, resultou que non, que non habería tomas de posesión. Así que non hai tampouco descanso porque salvo a excepción de Outes —onde si se firmou o pacto de goberno— no resto van seguir negociando...
Negociando o que? Que puido cambiar nas poucas horas que transcorreron desde que parecía que si habería investiduras ata que se confirmou o contrario? Acaso non había xa unha decisión tomada a golpe de venres? Acaso as posturas duns e outros poderán mudar tanto como para acadar un acordo que ata esta fin de semana parecía imposible?
O máis probable é que non cambie absolutamente nada, por que ía facelo? O reparto de forzas dentro das corporacións vai seguir sendo exactamente o mesmo o 7 de xullo que o 17 de xuño. Que novas concesións poden estar dispostos a facer os partidos que buscan o bastón para salvar os vetos dos demais grupos? Que poden ofrecer novo para facerse valer aqueles aos que lles pecharon a porta da alcaldía nos fociños?
Din os políticos que, xa que hai máis tempo ata a toma de posesión, van estirar os prazos para decidir. Queren pensar con calma os pasos a dar, claro. É comprensible. Poñer e quitar alcaldes non é unha cousa que poida facerse ao tolo... E logo non o pensaron antes? Agora non vale o que si valía o xoves pola tarde para investir a un ou a outro?
Igual alguén consegue que outro cambie a súa postura, pode ser, pero ten máis pinta de que as perdices van acabar mareadas que doutra cousa.