Caetano Horta: «En Belgrado fixémolo de dez»

O talento noiés xa pon a mirada no Mundial e no Europeo da próxima tempada


Ribeira / LA VOZ

Nas augas de Belgrado, Caetano Horta (Noia, 2003) converteuse no que levaba meses loitando: campión de Europa júnior. Neste fito histórico do deporte barbancés estivo acompañado polo sevillano Pablo Moreno, co que dominou o lago Sava. Logo viñeron dous metais máis, ambos de prata, acadados nos campionatos de España das categorías xuvenil e absoluta. Apenas tivo tempo para saborealos. Agora bota a mirada ao pasado e ao futuro, no que ten novas metas marcadas.

-O último éxito chegoulle este fin de semana, converténdose en subcampión de España absoluta a pesar de ser xuvenil.

-Foi moi ben. Non tiña en mente chegar aí arriba. Ao final veuse que estaba ben preparado. Como o campionato xuvenil e o absoluto foron en diferentes datas aproveitamos para ir aos dous. E funcionou.

-A preparación de tres meses coa selección española logo do confinamento foi clave, non?

-En canto puidemos saír, comezamos a traballar. Démoslle moita caña para preparar o Europeo.

-Non foi mala idea.

-A verdade é que en Belgrado fixémolo de dez en tódalas regatas. A preparación foi perfecta. Pablo [Moreno] e eu integrámonos moi ben no dobre. Fixemos o que sabíamos e saíu moi ben.

-E agora que ten por diante?

-A verdade é que aínda non planifiquei o ano 2021. Tamén hai que ter en conta que todo está no aire polo covid. A federación non se pronuncia coas fechas. O primeiro que quero pasar é o selectivo para volver a estar na selección española. Logo, intentar repetir o resultado no Europeo do ano que vén. E tamén meterme no Mundial xuvenil.

-E Tokio 2021, non o ve?

-A ver, tamén pode ser unha meta. Pero voume a centrar na categoría xuvenil. Se xurde a posibilidade de entrar nalgún selectivo absoluto cos que están no ciclo olímpico, pois tampouco o descarto. Pero non é unha prioridade

-Como promesa deste deporte, cales son as súas metas a medio e longo prazo?

-A de esta tempada sería facelo o mellor posible en xuvenil. No Mundial non vou para gañalo si ou si, pero gustaríame pelexar e ver onde podo estar. Máis para adiante a miña idea é ir estudar fóra. A Estados Unidos ou Inglaterra. Estudar e remar á vez.

-Que quere estudar?

-Neste último tempo gustaríame Odontoloxía, pero ando cambiando moito [ri].

-E marchar fóra de España non lle prexudicaría para proseguir coa selección?

-Coñezo de preto o caso dunha amiga que marchou para Estados Unidos e nas competicións internacionais segue podendo participar con España. Aínda non estou informado ao 100 %, pero creo que non me limitaría.

-O confinamento que tal o levou?

-Estiven traballando na casa co ergómetro e perdín poucos adestramentos. Tamén era unha forma de pasar o tempo. Moito non había que facer [ri]. Estábamos adestrando todo o día.

-Foi clave?

-Estaba claro que aqueles que resistiran o confinamento ían acabar ben na competición. Logo Pablo máis eu puidemos adestrar xuntos tres meses e moi poucas embarcacións a nivel europeo o puideron facer. Aí estivo a diferenza.

-E que tal está a ver ao seu club, o Mar de Noia?

-Pois este ano sacaron moi bos resultados na campionato cadete. Tamén fomos ao campionato absoluto con dúas embarcacións. Hai moitos nenos pequenos, meu irmán por exemplo, que están preparando o de España.

-Seu irmán tamén?

-Si, si, está adestrando moi duro. Para el son o seu ídolo. É algo que me gusta. Estase preparando moi ben.

-Volvendo ao Europeo. Na final mediuse a algún dos mellores da súa quinta. Onde estivo a clave para gañar con tanta solvencia?

-Este ano íamos máis preparados, tanto fisicamente como mentalmente. A clave estivo en competir tranquilos e saber actuar nunha proba de 2.000 metros. Fixéramos moitísimas durante a concentración. E ao final é repetir o que tes preparados. Poñer as túas habilidades en xogo. Tes unha táctica para regata, pero ao final o teu nivel ponche nunha posición ou en outra. Se vas centrado noutros barcos, non vas a render.

-Coa tempada rematada agora tocaralle un pouco de descanso.

-Estando en Pontevedra non terminas de parar de todo. Pero si, estamos máis tranquilos, intentando asimilar un pouco todo e preparando o próximo ano.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Caetano Horta: «En Belgrado fixémolo de dez»