Elena Batalla: Case medio século tirando do rastro

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

Para mellorar as condicións do sector, fundou e presidiu a primeira agrupación de mariscadores a pé de Noia

08 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiña 18 anos cando baixou por vez primeira á praia noiesa de Testal para coller berberechos. Xa por aquel entón levaba media vida traballando, pero na fábrica de tellas e ladrillos na que estaba non querían mulleres casadas, e deulle un xiro brusco á súa traxectoria laboral. Non se arrepinte, ao contrario. Aínda que os comezos foron duros, Elena Batalla Tubío foi xefa e empregada, non estivo suxeita a horarios e gañou en función do que traballou. Esas foron para ela as grandes vantaxes ao longo dos 47 anos que estivo tirando do rastro, un tempo no que impulsou a posta en marcha da agrupación de mariscadores a pé de Noia, da que foi a primeira presidenta.

Mellorar as durísimas condicións de traballo que tiña que afrontar día a día un colectivo formado maioritariamente por mulleres foi o que levou a esta loitadora a buscar a unión do sector noiés: «Daquela tiñamos que baixar á praia andando, apañar os berberechos e as ameixas coas mans -pois non deixaban empregar o rastro- e volver para terra co marisco á cabeza, buscando os camións, xa que non había lonxa».

Lembrando aquelas duras xornadas de traballo, Elena Batalla asegura convencida que «non hai traballo tan sacrificado como era este naquel tempo. Hoxe segue a ser duro, pero non é ir ao mar comparado co que eu vivín cando empecei. Cambiou todo como do día á noite». E case todas esas melloras chegaron coa irrupción das agrupacións de mariscadores. Ela sábeo, porque estivo case unha década á fronte da que se fundou en Noia hai 18 anos. Recorda que non foi doado unir ás mariscadoras: «Estabamos asilvestradas, afeitas a ir á praia cando queriamos e a volver para terra cando nos daba a gana. Se estaba a marea baixa, podías ir ás tres da mañá se che viña ben e pasar alí as horas que quixeras. A maioría estaban en contra das normas, sobre todo cando chegou o momento de fixar uns horarios e uns topes».

Os grandes logros

O primeiro ano de vida da agrupación foi o peor que Elena Batalla pasou na súa longa traxectoria como mariscadora: «Houbo días que me deron ganas de plantar e deixar todo como estaba. Eu xa tiña uns anos e non estaba disposta a pelexar tanto». Pero a medida que chegaron as melloras, as profesionais fóronse convencendo das vantaxes da unión e o panorama cambiou drasticamente: «Conseguimos lanchas que nos foran buscar o marisco ao mar, co que nos aforrabamos os tres cuartos de hora que tardabamos en ir ata a zona de marisqueo e outro tanto para volver, con sacos de ata 35 quilos á cabeza. Tamén nos instalaron vestiarios, que tiñamos que cambiarnos á intemperie. Todo foi grazas á nosa loita, xa que non nos regalaron nada».

Pero aínda nos tempos máis duros o marisqueo foi unha profesión da que Elena Batalla se namorou: «De nena ía coser polas portas, coa máquina á cabeza. Despois estiven no monte, habilitando cortalumes para evitar os incendios. Logo na fábrica de ladrillos. Case sempre tiven un xefe e un horario, pero no mar es a dona: se traballas, ganas, e se non, nada. Esa liberdade que che dá o mar é o todo».

Ela, que loitou desde a primeira liña da fronte por defender os intereses do colectivo, asegura que as mulleres o tiveron moito máis difícil ca os homes para conseguir que lles fosen recoñecidos os seus dereitos. Está incluso convencida de que eles non viron con bos ollos a irrupción das mulleres no marisqueo: «Se puideran botaríannos para a casa, seguro. En Noia non hai separación entre as zonas de marisqueo a pé e a flote, e algúns que nos tiñan preto cravaríannos o rastro se tiveran ocasión».

Orgullosa da traxectoria

Agora, desde o banco dourado da xubilación, Elena Batalla mira atrás e séntese orgullosa dos logros conseguidos coa axuda do resto do colectivo, da confraría e da Xunta: «Ao principio tiven que impoñerme, porque me custou gañar o respecto das compañeiras, e iso que foron elas as que me elixiron como presidenta. Pero ao final gañamos todas, e podo dicir que non fixen nin a primeira inimiga».

Presume ademais de ter respectado sempre as normas: «Nunca quitei un berberecho nin unha ameixa que non deran a medida. Xamais. Podo dicilo polo alto e polo baixo». Sinala que iso foi tamén o que lle inculcou aos seus descendentes, pois varios herdaron a profesión. É, segundo Elena Batalla, un traballo ben pagado: «En Noia, hoxe en día, quítase un salario fermoso. O peor é que só se traballa seis meses ao ano, polo que hai que ter algún complemento».

Un consello

A voz da experiencia de Elena Batalla álzase para darlle un consello a todos aqueles que viven do mar: «Que respecten o que teñen, que o vixíen, que non quiten o pequeno e que non vendan por fóra da lonxa, porque se non acabarán con todo».