«A paisaxe costeira é primordial»

ENTREVISTA | CARLOS H. FERNÁNDEZ COTO | Na da ría de Muros-Noia e Fisterra, di, existe un oasis libre de urbanismo desmedido. Falará no Foro Voz que se celebrará en Noia o vindeiro martes


Redacción / La Voz

É un dos arquitectos que máis loita contra o feísmo, que afecta tanto ao interior de Galicia como á costa. Sen embargo, Carlos H. Fernández Coto cre que na costa que comprende a ría de Muros e Noia e Fisterra aínda existe un oasis libre do urbanismo desmedido, e diso falará no Foro Voz sobre a paisaxe costeira que terá lugar o martes en Noia, e que está impulsado por La Voz de Galicia e o GALP Costa Sostible.

-Que significa a paisaxe costeira para unha zona como esta?

-A paisaxe costeira é primordial para a poboación da zona, tanto dende a perspectiva visual como vital. O mar é a base da supervivencia de miles de persoas. Manter a súa serenidade é fundamental porque constitúe unha sensación de confort e seguridade. No que respecta a fóra da ría, a paisaxe está chea de referencias visuais coas que se podería elaborar un mapa do inmaterial. Esa beleza case virxe supón unha garantía de supervivencia no tempo, tamén no sector turístico.

-Non hai feísmo?

-Podo ditaminar con rotundidade que a ría de Noia e Muros é unha das mellor conservadas de todas as galegas, fortaleza que comparte coas de Cedeira, Ortigueira e Ferrol. Sabemos que as de Pontevedra son as máis degradadas polo urbanismo descontrolado. O illamento de Galicia durante anos preservounos da marbellización, e en localidades da costa dende Noia ata Fisterra tamén supuxo unha defensa da invasión turística e do exceso de construción. As vilas de Muros e Noia seguen sendo referencia en Galicia de sensibilidade e coidado.

-Existe algún risco de que isto cambie?

-Non estamos perante unha ameaza importante pero, dende que melloraron as comunicacións e co bum inmobiliario, foron aparecendo episodios que debemos evitar. Fisterra foi a máis afectada, cunha situación irreversible que ten difícil solución. Debemos promover que o turismo se centre en establecementos hoteleiros en vez de apostar pola segunda residencia. Coa entrada en vigor das novas normas de Xunta, hai que deseñar estratexias supramunicipais que establezan pautas determinantes sobre a ocupación e a ordenación do territorio. Non podemos caer na falacia de pensar que cantos máis turistas veñan, mellor nos irá.

-Que hai que facer?

-Crear un compromiso de conservar o patrimonio que temos, dende o máis pequeno ata o maior, tamén de acoutar o crecemento evitando a masificación e a construción sen control traería moitos beneficios. Ser o lugar mellor conservado, coidado e sen estridencias supón crear un nicho de mercado para viaxeiros esixentes que atopan aquí o que noutros lugares xa non existe. Debemos ser cautos na atracción de turismo en cantidade, e debemos facelo compatible coa diversificación cara á excelencia de sectores como o marisqueo ou a pesca.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A paisaxe costeira é primordial»