María Queiruga: «Fan falla máis prazas en vivendas tuteladas para enfermos mentais»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

A asociación conta con catro pisos en Noia, con capacidade para vinte persoas

09 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os numerosos servizos que a asociación A Creba pon a disposición das persoas que sofren unha enfermidade mental atópase unha rede de pisos tutelados. Son catro as vivendas coas que conta a entidade. Todas elas están localizadas na vila de Noia e suman un total de vinte prazas. María Queiruga é a responsable deste programa.

-¿Cal é o perfil dos usuarios destes pisos tutelados?

-Teñen que ser persoas cunha diagnose de enfermidade mental, que estean estables e baixo seguimento psiquiátrico, tomando a súa medicación. Ademais, necesitarían ter unha certa autonomía para o que son as actividades básicas da vida diaria, pero isto non sempre é así. O que se lle require é que teñan a capacidade para poder adquirilas, nós apoiámolos, pero non realizamos as tarefas por eles.

-¿Non son requisito ríxidos?

-Non, adaptámonos en función de cada persoa. O perfil é moi variado e existe un período no que nós observamos se son quen de adquirir esas habilidades ou se realmente lles é imposible, pois iso concluiría que este servizo non é o axeitado para eles. Non ten sentido forzar algo se xa se ve que non é viable. Se existe algunha posibilidade, concedemos tempo suficiente.

-Unha vez superado este período de proba, ¿que ocorre?

-Eles están o tempo que queiran e consideren, sempre e cando sigan cumprindo os requisitos para contar coa praza outorgada.

-¿Que leva aos enfermos a solicitar este servizo?

-Normalmente, son persoas con familias que non se poden facer cargo, que carecen dun entorno familiar, que economicamente non se poden permitir vivir en outro lugar, ou que non están capacitados aínda para estar sós. Estes pisos tutelados tamén constitúen un lugar axeitado para prepararse para vivir despois de xeito individual ou coas súas familias. Non é algo de por vida. Hai xente que si se queda para sempre, pero outros pasan por aí de forma temporal.

-¿Son todos usuarios da Creba?

-Temos usuarios da zona, pero tamén xente de Santiago ou da Estrada, por exemplo. É un servizo que cubre necesidades a nivel Galicia e as solicitudes poden chegar de calquera parte.

-¿Hai prazas suficientes ou existe lista de espera?

-Si que hai lista de espera, hai moita máis demanda que oferta. Isto non pasa só aquí, senón que estamos recibindo solicitudes de diversos puntos de Galicia. Fan falla máis prazas en vivendas tuteladas para enfermos mentais.

-¿Como se realiza o traballo de control desde A Creba?

-Eu, como coordinadora, visito os pisos cada luns para falar da convivencia, dos problemas que puideran xurdir ou dos aspectos que se poden mellorar. Logo hai dúas supervisoras. Durante a semana, os inquilinos destes pisos asisten ao centro da Creba, onde participan nos talleres e nas actividades; pero o fin de semana, imos á mañá, a mediodía e á noite. Hai atención telefónica as 24 horas do día, para que eles poidan expoñer os problemas e incluso solicitar a nosa presenza alí.

-Sendo descoñecidos, ¿resulta complicada a convivencia?

-Hai pisos que funcionan moi ben, porque a xente ten intereses comúns e conxenian; e, noutros casos, xorden problemas que hai que ir solucionando. Como nunha familia ou nunha convivencia entre amigos. Teñen ao seu favor que todos están diagnosticados e, polo tanto, comprenden o que pode estar pasando o outro cando se atopa mal. Ademais, tamén saben detectar se algo está fallando, se é preciso acudir ao psiquiatra. Iso axuda a evitar recaídas e que o pasen mal en certos momentos. O ideal é que, chegado o momento, nos alerten para actuar o antes posible.

-¿Ten A Creba en mente incrementar o número de pisos?

-É complicado, pero sabemos que é necesario, polo que a demanda está sempre enriba da mesa. É moi duro dicirlle a unha persoa que non hai prazas dispoñibles, xa que todos precisamos independizarnos para realizarnos e, para algúns, estes pisos son unha necesidade básica. Por iso, a nosa idea é poder ampliar este programa.