DENDE FÓRA | O |
28 mar 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O PASADO venres asistín no Coliseo Noela á presentación dos derradeiros libros de Xerardo Agrafoxo. Todo o que alí vin, sentín, escoitei e ata ulín, xa é historia. Historia miña, historia de todos os que alí estiveron e historia daqueles que lean hoxe este texto ou saiban do acontecido por outros camiños. Xa denantes, pero tamén estes días, puiden constatar que hai xente que non cre nesta obviedade. Nega o feito de que a vida pase a voar sobre da terra presa do sol e da lúa como unha verdade tan patente, ¿que pode esperar aquel que adique a súa vida a relatar o pasado?. Agrafoxo coñece ben as terras diste órgano sideral onde os deuses premian o camiñar dos días e das noites coas ledicias, as dores, as risas e as bágoas da humanidade errante pola nebulosa dende o big-bang ata este días. Narra o acontecido en Noia dende a transición usando como escenario teatral o salón de plenos do Concello. A súa honestidade queda ben reflectida no feito de que cada acto que relata, cada paso que da, vai vestido dende o sombreiro ata a garabata co correspondente documento escrito ou fotográfico que fai indubidable a certeza e invulnerable a súa palabra do historiador. Ante esto, os cínicos só poden arremeter contra o autor do libro. Non son moitos, pero haber hainos. «¿Que é Agrafoxo para se por a contar a nosa historia?» esta é unha das máis estultas preguntas que se escoitan. Hai outras peor intencionadas, pero o curioso destes pudorosos defensores do silencio e que nos teñen dabondo acostumados a tomar nota para sacar a libreta e sinalar os nomes nela apuntados coas coñecidas consecuencias de torturas e disparos aleivosos no amparo da noite silandeira. É dicir, que polo que se ve cren na historia pero a según como e quen veña de escribila. Quería felicitar a Agrafoxo pero sempre cruzan os miolos aqueles que xa no himno méntanse coma imbéciles, escuros.