PUNTO DE VISTA | O |
17 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Nas vilas antigas, que como Noia teñen un pasado de séculos, unha historia descoñecida permanece agochada baixo terra á espera de que agarimosos e pacientes labores de arqueoloxía urbana a saquen á luz. Podemos dicir, sen temor a equivocarnos, que debaixo da visible pel urbana en forma de rúas e prazas ou dos alicerces do espazo edificado, adormece un pasado apenas coñecido en someras descricións escritas. Ante a ausenza e febleza doutro tipo de fontes documentais, soamente esta historia soterrada pode botar luz sobre o que fomos. E que mellor oportunidade que unha obra pública como o lousado e saneamento das rúas do casco histórico para coñecer aspectos descoñecidos sobre o noso pasado, ou para confirmar ou desmentir outros sobre os que as dúbidas son tan grandes como as certezas. Asemade, que excepcional ocasión de poñer en valor determinadas realizacións daqueles que nos precederon sacándoas á luz, para logo, inxeniar fórmulas imaxinativas para dalas a coñecer aos propios veciños e forasteiros que nos visiten. Unha oportunidade que, se non se aproveita, é unha oportunidade perdida para sempre, pois o libro da historia, removidas as súas follas de terra, xa non pode volver a lerse. Unha mágoa que as cousas se fagan tan mal. A premura non pode ser o principal argumento dunha obra nunha vila histórica. Abrir gabias de xeito indiscriminado nas rúas do casco antigo, utilizando para iso unha pa escavadora, penso que non é a maneira de tratar o libro da historia soterrado. Previamente a este tipo de actuación, tan escasamente sensible e delicada, habería que realizar programadas catas arqueolóxicas co fin de coñecer de partida con que íamos atoparnos. Deste xeito, evitariamos esperpénticas situacións como as que están a acontecer movidas pola improvisación, consistentes en levarse por diante a historia simplemente por non ter previsto un plan alternativo para este tipo de supostos. As xeracións futuras van ser crueis connosco. Estamos deixando que discretamente e sen facer nada por evitalo desaparezan as evidencias arqueolóxicas de centos de anos de evolución histórica. Preferimos mirar para outro lado ante unha actuación tan burda nos tempos que corren. Mentres que noutros lugares pagarían por contar con tan rico subsolo, nós desbotámolo absolutamente meténdolle a pa para arrasalo. Soamente desde a máis pura desidia se comprende unha actuación tan destructora sobre o patrimonio nun espazo declarado ben de interese cultural e que conta cun plan destinado, en teoría, a protexelo.