A mirada ferida

MANUEL TEIRA

NOIA

DENDE FÓRA | O |

15 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

UN DECIDE, ás veces, deterse, ficar na bocana e proclamar un reino. Habitar, sentir como o mar vai preñando as ondas na praia de Boa ou do Testal. Entón, déixaste, medras nesa eternidade dos versos, estás aí, depinicando o cántico de Antón Avilés de Taramancos: «Se solto a voz no mar, vólvese ceibe». Moito se leva escrito sobre a tan polémica ponte proxectada sobre a ría de Noia. As opinións dos distintos colectivos sobre a obra para nada son coincidentes. O informe de impacto medioambiental é, polo visto, favorable. Non me fío dos informes. Non comparto a necesidade de bombardear este espacio cunha obra monumental que, para sempre, negará Noia á ría. Rebélome coma opositor total. A palabra barbarie sería escasa para definir esta muralla sobre unha das paisaxes de máis interese ecolóxico da comarca. A obra foi deseñada á carta. Non hai suficientes minutos de demora que xustifiquen esta actuación que, de antemán, xa arremete. A variante en ningún caso debe atentar contra os espazos naturais. Aínda sendo máis lenta, non vai repercutir na nosa economía. Estamos a deixar de ser sensibles e a pensar que todo vale. O futuro non se pode construir sobre a diarrea mental, a serenidade debe estar presente en cada actuación. Se non o evitamos, a nosa será, para sempre, unha mirada ferida.