Tríada

VEIRAS MANTEIGA

NOIA

DESDE FUERA | O |

13 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

COLLAMOS TRES concellos veciños: O Son, Noia e Lousame. Pensemos que os tres queren sanear outras tantas parroquias: Miñortos, Boa e Camboño. Na primeira, hai uns anos, faise o saneamento por tódalas súas rúas e camiños e ponse a rede de sumidoiros. Ben. Pasado algún tempo -anos, máis ben- tócalles a Boa e Camboño. Tamén se fai a mesma cousa. E os veciños, moi contentos. Qué ledicia poder pechar os pozos negros. Agora demos unha volta por esas mesmas parroquias: en Miñortos fíxose todo iso, pero non se fixo a estación de depuración, e cando se faga xa vai estar toda a rede máis vella que Matusalén, polo que de seguro haberá que volver a empezar, e os cartos do contribuínte tirados. En Boa, a mesma historia. Fíxose toda a rede, púxose un deposito xunto ó mar e ahí quedou todo. O alcalde de Noia dicía que todo se ía solucionar, pero polo de agora estamos igual que en Miñortos. Pois en Camboño, que pertence a Lousame, que ademais de ter menos cartos e de non dispor dun deputado provincial -no caso de que os sumidoiros foran pagados pola Deputación- engancháronse as casas, pecháronse os pozos e puxéronse ó día con Europa. E entón pregúntome: ¿Quen ten a culpa de que nalgúns lugares as obras se terminen e noutros non? ¿É falta de previsión ou un xeito de captar votos? ¿Onde están os verdes para sacar isto á rúa? As pintadas non bastan, dígovolo eu.