LA LLAVE
17 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.MOITA XENTE ergueuse onte molesta porque a chuvia amolara o fin de semana de praia. Non se decatou que era o Día das Letras Galegas, a lembranza de Antón Avilés de Taramancos, e xa que logo tódolos elementos da nosa terra tiñan que estar concentrados en Noia, a chuvia non podía fallar na homenaxe a Antón. Ogallá que a xornada do 17 de maio do 2003 axude a moitos a descubrir a maxia e a forza da poesía de Avilés; a min valeume para ollar pasaxes de dúas obras, Cantos caucanos e Última fuxida a Harar . E confésolles que me estremece como Antón vive a súa propia morte, a conscencia de que o cancro o vai comendo e a naturalidade ca que se enfronta á tan temida realidade do remate da vida. E fai delo poesía, versos cargados da dor da enfermidade e, ó mesmo tempo, do optimismo da reencarnación, de xeito que semella que el está aquí, que a luz venceu á derrota.