«Precísase que se cumpra a lei»

La Voz

NOIA

SARA ARES A ENTREVISTA Dolores Arxóns Álvarez, coordenadora noiesa da Mesa pola Normalización Lingüística

14 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Dende maio pasado, a mestra de Noia Dolores Arxóns Álvarez ocupa o cargo de coordenadora da Mesa pola Normalización Lingüística nas comarcas de Muros e Noia. Na súa valoración da situación do uso da lingua vernácula na actualidade, confésase pesimista e cre que aínda queda moito camiño por percorrer. -¿Quenes se teñen que mollar para que a utilización do galego se extenda? -Depende moito dos concellos e do resto de administracións porque son estas institucións as primeiras que teñen que respetar, e ó mesmo tempo loitar, para que se cumpra a lexislación. Porque non podemos esquencer que a normalización lingüística é unha esixencia lexislativa. Por outra banda, vemos que aínda hai concellos que non deron pasos importantes como son a creación dun servicio de normativización, entre eles o de Noia. -Avance algunha campañas que teña previsto poñer en marcha xa. -A nivel local, remitimos esta mesma semana un escrito ó responsable da Capitanía Marítima de Noia para que corrixa o topónimo que aparece no rótulo frontal do edificio, que é a forma castelá cando a única oficial segundo a Lei de Normalización Lingüística aprobada no ano 83 é a galega. -¿Outra iniciativa de cara ó novo milenio? -Si, as mesmas que a Mesa vai desenrolar a nivel de toda Galicia. Entre os obxectivos prioritarios está conseguir que as grandes cadeas de alimentación aposten pola galeguización. Tamén temos pensado dirixirnos a todo tipo de empresas e colectivos para que empreguen na súa difusión a nosa lingua. Daremos continuidade ademais á campaña de recuperación dos apelidos orixinarios da comunidade. -¿Son moitas as persoas da zona que forman parte desta entidade? -Entre Noia, Lousame, Outes, O Son e Muros haberá uns sesenta membros a título particular, que pagan ó ano dúas ou cinco mil pesetas, dependendo de se estudian ou traballan. Despois, están os colaboradores, como os institutos de Noia, que pagan unha cota máis alta, quince mil ó ano, pero a cambio reciben máis material gráfico para traballar.