O Apalpador anima a mercar no pequeno comercio de Muros

M. L. G. RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

A alcaldesa de Muros, María Lago, e a concelleira de Promoción Económica, Laura Rivadeneira, nun comercio do municipio.
A alcaldesa de Muros, María Lago, e a concelleira de Promoción Económica, Laura Rivadeneira, nun comercio do municipio.

O Concello lanza unha campaña para dar visibilidade aos servizos de proximidade

22 dic 2025 . Actualizado a las 19:02 h.

O Concello de Muros acaba de lanzar a campaña Muros, onde vives, onde mercas, onde contas, unha iniciativa que busca poñer en valor o comercio local e os servizos de proximidade como pezas clave da vida económica e social do municipio.

A primeira acción consiste no reparto entre os negocios de pegatinas do Apalpador e de bolsas de papel. Segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, Laura Rivadeneira, «queremos aproveitar esta época de moita actividade comercial para dar visibilidade ao pequeno comercio de Muros, e quixemos facelo apostando pola nosa lingua propia, o galego, e por unha figura da nosa cultura popular como é o Apalpador».

Pola súa banda, a alcaldesa, María Lago, destacou que o comercio de proximidade «non só é un espazo no que adquirir mercadorías, senón tamén unha actividade que dinamiza a vida nos concellos pequenos, cohesiona o territorio e achega valores engadidos que non ofrecen as grandes plataformas dixitais nin as grandes superficies».