Balance moi positivo da Semana Cultural do IES As Insuas de Muros

M. X. B.

MUROS

A dirección do instituto destacou a primeira Feira de Orientación Académica e Profesional

14 abr 2025 . Actualizado a las 13:59 h.

O IES As Insuas de Muros fixo un balance altamente positivo da Semana Cultura que celebrou antes do inicio das vacacións de Semana Santa. «Tanto pola sensación do profesorado como, sobre todo, do alumnado, esta nova convocatoria foi un éxito absoluto e, aínda que a programación era ben ambiciosa, todo transcorreu do mellor xeito esperable, mesmo sorprendendo aos organizadores», sinalaron desde o centro.

Das numerosas actividades que se levaron a cabo, a dirección do instituto destacou a primeira Feira de Orientación Académica e Profesional, «que foi gabada polas entidades participantes pola correcta organización e polo poder de convocatoria, pois polo pavillón do centro pasaron varios grupos de escolares da contorna». Un dos atractivos da feira foi a exposición, no patio exterior, de vehículos dos corpos de seguridade participantes.

Ao longo da Semana Cultura, polo IES As Insuas pasaron tamén escritores de renome como Estevo Creus, Séchu Sende ou Abel Tomé; e grandes especialistas en diversas materias, como incendios forestais, cultura xaponesa, antropoloxía, entomoloxía, historia, cómic ou música. Do mesmo xeito, desenvolvéronse obradoiros de xestión emocional, educación sexual, coidado dos animais, baile moderno, cociña, ganchillo, olería, cestería e outras manualidades.

O instituto contou asemade coa colaboración de diversas entidades locais. Espertou grande interese o despregue dos vehículos e materiais do GES de Muros e a visita realizada por estudantes de cuarto de ESO ás instalacións do IES Fontexería, onde poderán continuar os seus estudos o vindeiro curso.

Outra iniciativa destacada foi o roteiro a pé entre Abelleira e Esteiro, guiado por Montse París, da asociación Muros Auga e Sal, seguindo os pasos de Pietro Querini, xa que o IES As Insuas está a participar nun concurso internacional arredor deste comerciante e navegante veneciano do século XV que recalara na vila de Muros e desde alí peregrinara a Santiago.