Daniel Formoso: «A xente nova escapa do mar, a falla de relevo é un problema con difícil solución»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

MARCOS CREO

O presidente da federación coruñesa de confrarías menciona tamén as vedas e a alza dos combustibles como grandes ameazas

20 feb 2023 . Actualizado a las 09:19 h.

Desde que era neno, a vida de Daniel Formoso Moledo (Muros, 1954) transcorreu ligada ao mar. Fillo e neto de pescadores, considerou que tamén el era quen de abrirse camiño a bordo dun barco. Recoñece que o traballo é duro, pero que tamén ten as súas recompensas. Iso que o sector non atravesa agora o mellor momento. El sábeo porque leva desde o 2006 liderando o pósito de Muros e desde o 2014 está á fronte da Federación Provincial de Confrarías da Coruña. Cústalle ser optimista diante das moitas ameazas que percibe.

—Que o levou a querer asumir de novo o cargo á fronte da federación provincial?

—Tres meses antes das eleccións non tiña previsto concorrer, porque isto cansa moito, pero houbo moita xente que me animou a dar o paso e o meu sentido da responsabilidade tamén me levou cara ese camiño. Que confíen nun é un orgullo, sinal de que tan mal non o estamos a facer.

—Cales diría que son os grandes problemas do sector?

—O certo é que estamos atravesando unha época bastante complicada. Os combustibles seguen á alza, sen que a suba no prezo produto sexa proporcional, o que reduce as ganancias. Logos temos o problema recorrente das cotas escasas e se non hai cantidade suficiente para pescar pouco se pode facer.

—A situación do marisqueo tampouco é alentadora, sobre todo tralas riadas...

—Esa é unha das grandes preocupacións nestas rías de Arousa e Muros-Noia, porque o marisqueo ten un peso fundamental. Máis alá das riadas, necesitamos que se preserven e protexan os bancos diante da contaminación.

—Fixo tanto dano como se esperaba a veda á pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico?

—Fixo dano e aínda está por ver como afectará. Os barcos que traballaban nesas zonas tiveron que cambiar para outras, que loxicamente se van ver saturadas. Á larga saberemos as consecuencias. Prohibir é a solución máis fácil, pero non se poden tomar decisións baseadas só en criterios medioambientais, porque a pesca tamén é fundamental. Os mariñeiros somos os primeiros que queremos conservar os recursos, pero tamén necesitamos vivir deles.

—Que outras vedas supoñen agora un problema importante?

—A do xurelo, que só permite un tope ridículo, constitúe unha gran preocupación, e a da raia mosaico tamén. Nos dous casos, non sabemos cando se poderá volver á normalidade.

—Por contra, semella que se recuperou a sardiña, podería iso compensar as restricións do xurelo?

—Si que podería, porque semella que hai bastante sardiña, cremos incluso que máis da que din os científicos ou iso é o que perciben os pescadores, que son realmente os que saben o que hai ou non no mar. A recuperación desta especie foi incrible.

—Queda entón demostrado que as paradas biolóxicas son necesarias?

—Claro que ás veces son necesarias, pero hai outras circunstancias que inflúen. As paradas funcionan, xa o comprobamos o polbo e tamén cando foi do Prestige, unha veda que ninguén quería facer pero que provocou que, cando volvemos ao mar, en poucas horas regresaban a terra os barcos cheos. A veda do polbo tamén funcionou e este ano a campaña foi moi boa.

—Vense falando hai tempo da falla de relevo xeracional. É grave o problema?

—A xente nova escapa do mar, a falla de relevo é un problema con difícil solución. Este traballo é duro e se aínda por riba os salarios non son dignos, quen vai quere facelo? Tampouco ten un salario estable, xa que se as condicións son complicadas, hai semanas que ao mellor case non hai ingresos. A Administración non debería poñer tantas trabas burocráticas, a nivel de esixencia de cursos e permisos varios, e habería que subir o prezo do peixe e repercutilo no salario dos mariñeiros.

«Non nos opoñemos aos parques eólicos mariños, pero teñen que se compatibles coa pesca»

A relación das ameazas que teñen en vilo aos profesionais do mar é longa. Ás novas vedas e á falla de relevo xeracional da que se ven falando nos últimos tempos súmase a incerteza que sementan no sector os proxectos que hai para a instalación de parques eólicos mariños. Daniel Formoso considera que non hai información suficiente ao respecto.

—Considera eses proxectos unha ameaza seria?

—Lévase un par de anos falando do tema e seguro que ao final, hai varios proxectos que van adiante. Nós non nos opoñemos aos parques eólicos mariños, pero teñen que se compatibles coa pesca, para iso hai que buscar as zonas máis axeitadas para a súa instalación. Penso que hai que facer estudos completos para ver o impacto que poden ter sobre as especies pesqueiras, porque non estamos falando só dunha ameaza para os mariñeiros, senón para toda a cadea mar industria. Por unha banda queren preservar zonas e por outra, pretenden instalar parque eólicos nesas mesmas áreas. Algo falla.

—Semella que se fai complicado compatibilizar o aproveitamento do mar e a súa conservación...

—Claro que non é fácil. Tampouco nós podemos abusar á hora de capturar determinadas especies, porque iso é pan para hoxe e fama para mañá. Nós somos os primeiros interesados en coidar o mar, pero non queremos que nos boten del.

—Diante de tantas ameazas ás que fai referencia, pensa que segue habendo futuro no mar a nivel laboral?

—Futuro hai, pero hai que ter os ollos ben abertos, porque cada vez son máis os obstáculos que nos poñen. Está claro que o panorama non pinta ben, pero a pesca ten que seguir porque hai que comer. Temos a sorte de vivir nunha zona privilexiada, onde medran os mellores produtos pesqueiros do mundo, e temos que defender a nosa profesión ata a morte. Para min é un orgullo se mariñeiro.