Poder negociador

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

MAZARICOS

22 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns meses, pasaba pola estrada que vai dar ao lugar de Piñeiros. Había sinais de velocidade a vinte, propios das obras. Xa era hora de que arranxasen o firme, pensei eu. Non obstante, o que estaban facendo eran anchear de forma acelerada a vía para dar cabida ás pezas do parque eólico. Días despois, empezaban a chegar os convois, enormes, dirixidos por enxeñeiros que encabezaban a loxística do transporte. Esta semana, o Concello de Mazaricos saltaba ás páxinas dos diarios nacionais por ser o primeiro en opoñer unha resistencia explícita á instalación de máis aeroxeneradores. Cren que non hai unha contraprestación suficiente aos prexuízos económicos, ambientais e estéticos que supoñen. Ademais, o segundo punto e non menos importante, é o nulo poder negociador, que só reside na Xunta e nas empresas privadas que absorben os recursos a cambio dun canon irrisorio. Nestes días xa se escoitou, así mesmo, o ruxe ruxe da palabra expropiación, a tácita ameaza ante a solicitude de debater sobre a inserción de máis muíños de vento nos terreos da veciñanza.

Non é a primeira vez que se escoitan eses ecos por Mazaricos. É un concello que ten a memoria suficiente para reflexionar sobre o pasado recente da súa historia. O problema non son as enerxías renovables, o problema é a vontade de impoñer unilateralmente.

Por iso aquel día, cando vin as escavadoras arremeter contra todo ao seu paso, arrasar con cunetas e árbores, sentinme embargada por unha enorme tristeza. Véuseme á cabeza a marabillosa novela de Sepúlveda. A melancólica estampa dun Bolívar Proaño derruído por matar aquela loba, que se encamiña en pos da súa aldea, o Idilio, aborrecendo os gringos e o egoísmo humano.