NA ÚLTIMA | O |
22 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O candidato máis vello de Galicia quintuplícalle a idade á máis nova. O primeiro, Perfecto Sande, pasa do século e preséntase en Mazaricos. Todo un golpe de efecto nunha campaña na que, segundo parece, na valoración dos candidatos a suma da imaxe e a expresión pesa un noventa e tres por cento á hora de que o cidadán deposite a papeleta. É unha mágoa que o que ten que dicir Sande só inflúa na orientación do voto o sete por cento restante. É de esperar, sen embargo, que no caso do veterano as porcentaxes se equilibren un pouco máis que no do resto dos candidatos galegos. Sande tivo tempo de madurar o seu discurso ó longo das sete décadas que leva metido en política. É certo que nun cartel de corenta por noventa centímetros non colle unha vida dedicada á política. Sen embargo, fíase demasiado ó impacto dunha foto que, polo seu tamaño, tamén é a responsable de que na propaganda apenas colla outra cousa que un eslogan máis ou menos acertado. Así non é raro a querencia polas inauguracións e as fotos fáciles se sucedan en campaña coa mesma rapidez que os electores tardan en tirar ó chan os trípticos que reciben na rúa da man dos equipos electorais. Todo no mesmo país no que o noventa por cento dos mozos faría a ciruxía estética. Lóxico.