Lousame dá outro paso para que Zernadas de Castro teña o recoñecemento da RAG
LOUSAME
O Concello presentou a súa campaña para que se lle dedique o Día das Letras Galegas do 2027 ao cura de Fruime
21 mar 2026 . Actualizado a las 18:30 h.Lousame ten un obxectivo claro e un clamor unánime: que a Real Academia Galega (RAG) lle dedique o Día das Letras Galegas de 2027 a Diego Antonio Zernadas de Castro. Baixo o lema #EuConZernadas, a casa da cultura Santeiros de Chave acolleu a posta de largo dunha campaña que busca xustiza histórica para o cura de Fruíme, coincidindo co 250 aniversario da súa morte.
O alcalde de Lousame, Esteban Ares, liderou un acto que contou cun amplo respaldo social e político. Durante a súa intervención, o rexedor foi tallante sobre a relevancia do autor: «Zernadas de Castro non é pasado, é a orixe. Porque en pleno século XVIII, nos séculos escuros, el defendía a Galicia, defendía o galego e defendía a nosa identidade».
Para o alcalde lousamián, a figura de Zernadas transcende o ámbito local para converterse nun piar nacional. «Era unha actitude heróica, porque pensaba en Galicia cando Galicia aínda estaba por pensar», subliñou Ares, quen insistiu en que a candidatura de 2027 non é unha petición arbitraria, senón «unha obriga histórica que a RAG debe recoñecer».
Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a intervención do xornalista e escritor Xosé Manuel Rivas Troitiño, quen fixo entrega ao pobo de Lousame dos sete tomos orixinais das obras completas do cura de Fruime.
Troitiño pediu ao pobo que custodie este tesouro literario: «Agradecido aos veciños porque mantiveron vivo o seu legado e fama. Por favor, seguide mantendo viva a obra de Zernadas», sinalou tras facer a doazón para que a veciñanza poida «ler, desfrutar e agradecer a quen tanto loitou con palabras para defender a Galicia e aos galegos en tempos duros e escuros».
Pola súa banda, o experto Xulio Pardo de Neyra debullou a calidade literaria do homenaxeado, situándoo ao nivel das correntes continentais da época. Segundo De Neyra, Zernadas «incorporou as letras galegas ao roteiro da lírica do barroco europeo».
Pluma afiada
Malia a censura e o contexto dos Séculos Escuros, o cura de Fruime destacou por unha pluma afiada: «O seu manexo dos conceptos naquel momento ultravangardistas, desa lírica aceda e cáustica, socialmente involucrada, é algo que denota que a Galicia dos séculos escuros tiña moito máis de séculos que de escuros», explicou o investigador, cualificándoo como un dos «pais do galeguismo» e un pioneiro do xornalismo no país.
A presentación da campaña Zernadas de Castro'27 non foi só un acto cultural, senón unha demostración de forza institucional. A corporación de Lousame estivo arroupada por representantes de todas as cores políticas, incluíndo deputados autonómicos e provinciais do PP, PSOE e BNG, así como autoridades educativas e concelleiros.