Jesús López, xefe da Policía Local de Carnota: «Logramos erradicar o problema de que se alugaran leiras para aparcar caravanas»

Francisco Brea
Fran brea RIBEIRA / LA VOZ

CARNOTA

LAURA MARTELO

Explica que o aumento do turismo obriga a realizar un control rigoroso nas praias

29 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado marzo fixo 30 anos desde que Jesús López Rama ingresou na Policía Local de Carnota e hai máis de dúas décadas que é o xefe do corpo do seu concello natal, que escolleu tendo a opción de exercer noutros lugares. Aos seus 54 anos, segue ao pé do canón para velar pola seguridade dun concello que durante o verán multiplica a súa poboación.

-Tras este tempo, tivo que ver unha gran evolución en Carnota.

-O concello deu un cambio radical nos últimos trinta anos. Evolucionou moitísimo e penso que o vai seguir facendo. Pero estase a traballar ben, anticipámonos a moitas cousas que están por vir. Seguramente, o que máis falta fai é incrementar o aparcamento no casco urbano.

-Cal considera que foi o momento que propiciou a explosión da localidade como destino turístico?

-Aínda que poida sonar raro, creo que foi cando tivo lugar a catástrofe do Prestige. Toda España puido ver imaxes de Carnota e familiares e coñecidos que teño fóra chamaban tras ver a praia. Despois rematou de explotar coa chegada da Volta a España no Ézaro, cos planos do helicóptero cruzando o concello. Eran as imaxes máis impresionantes.

-Este ano xa se constatou unha importante afluencia de visitantes ao inicio do verán.

-Nos concellos limítrofes xa era habitual que en xullo houbera turistas, pero en Carnota non tanto. Neste ano, xa desde o comezo do pasado mes houbo moitísima xente. Aquí hai moito aluguer de vivenda turística, somos dos municipios galegos que máis temos.

-Como se prepara un corpo que conta só con catro efectivos para manter a orde?

-Temos moita colaboración da Garda Civil de Muros e para os areais contratáronse vixiantes, ademais dos socorristas, que están nos aparcamentos das praias de Boca do Río, Carnota e Maceiras. Durante a fin de semana traballan desde as 11.00 ata as 21.00 horas. Axudan a ordenar o tráfico e cortan os accesos cando hai saturación. Levan anos xa con nós e saben o que hai que facer. E nós non collemos vacacións no verán, estamos os catro traballando. Sábados e domingos, sempre hai dous axentes. Tamén contamos coa colaboración do Concello, que sabe que se pedimos algo é porque é necesario. Este ano chegouse a acordos con veciños que teñen fincas próximas ás praias para ampliar as zonas de estacionamento. Tamén conseguimos erradicar o problema de que se alugasen leiras para aparcar as caravanas, que o ano pasado tivo moita incidencia.

-Das numerosas chamadas que reciben, cales son os motivos máis comúns?

-Hai de todo. Moita xente perde cousas nas praias, pero como o anunciamos na páxina do Concello soen recuperalas. Tamén por presenza de cans nos areais, que temos unha ordenanza que o regula, ou por caravanas con toldos, aínda que destes dous casos cada vez son menos. En Boca do Río é habitual que algúns crucen coa marea baixa e os socorristas acaben facendo de barqueiros. Houbo quen nos dixo que debería poñerse un cartel avisando da subida da marea.

-E coa irrupción da pandemia, súmase o control das medidas para evitar contaxios. O comportamento que están a ter veciños e turistas é bo?

-Aplicámonos moito para que se cumpran as normas, e a xente agradéceo. Aquí, por exemplo, non hai grandes superficies para mercar e cando non se podía saír do municipio moitos querían ir a Muros ou a Cee realizar as compras e non podía ser, tiñan que facelas aquí. Acabaron entendéndoo. Tamén é fácil controlar, porque só temos a AC-550 que cruza o concello.

-Cando houbo peches perimetrais si que tiveron traballo.

-É certo que denunciamos a bastante xente, sobre todo cando era por áreas sanitarias e a da Coruña estaba pechada. Moitos non sabían que Carnota pertence á de Santiago. Igual se podería ter posto un cartel alertando na entrada. A maioría viñan da cidade da Coruña ou de Arteixo. Coincidiron fines de semana de bo tempo e todos tiñan marcada a mesma ruta. Primeiro parada no Ézaro para logo visitar as nosas praias e os hórreos de Carnota e de Lira.

«O traballo da Garda Civil, do GES de Muros e dos compañeiros é básico nos rescates no Pindo»

O xefe da Policía Local de Carnota coñece moi ben os recunchos do seu concello, algo moi importante en situacións difíciles.

-Un dos grandes atractivos turísticos é o monte Pindo, e este verán xa houbo varios rescates de sendeiristas perdidos.

-A subida ao Pindo foi moi frecuentada tras o confinamento. Cabe destacar que o Concello ten sinalizadas as dúas rutas principais e por elas é complicado perderse. O problema está na circular que figura nalgúns mapas, e que resulta máis atractiva. Puxéronse dúas aspas, brancas e amarelas, para alertar de que é unha vía en mal estado ou que ten o paso cortado, porque cos medios do Concello non se dá acondicionado. En 20 días houbo tres rescates, cun total de 14 persoas. Oito eran do Bierzo e estaban federadas; pasárono moi mal, e nós tamén. Por alí é difícil orientarse, pode perderse calquera.

-Vostede xa participou en máis dun cento de operativos nese enclave, coñecerao como a palma da súa man.

-Coñézoo todo, pero nunca subín só nas intervencións. O traballo da Garda Civil, do GES de Muros e dos meus compañeiros é básico nos rescates no Pindo. Tamén ten vido algún bombeiro de Cee. Eu coñézoo de subir moitas veces e de adestrar facendo deporte. É a nosa pista de recreo. Se a persoa que se perde me fala por teléfono e contesta as miñas preguntas podo orientala, pero non sempre loce o sol e fai bo día. A néboa provoca que calquera poida extraviarse.

-Algunha intervención haberá que non borre da mente.

-Nos comezos fixemos un par delas que recorde. Subíramos a Policía Local e Protección Civil de Fisterra de noite, con frío e vento. Un de protección civil lesionouse e tivéramos que baixalo con cordas na zona de Peñafiel, chegaramos abaixo ás cinco da mañá. Noutra ocasión dúas parellas pasaron toda a noite no monte e rescatámolos cando abriu o día. Fai un par de anos fomos a por dous homes, un era un alemán de dous metros e máis de cen quilos que rompera unha perna. Era imposible baixalo cos nosos medios e tivo que vir o helicóptero sacalo en padiola. Os rescates son moi laboriosos, e sorte que temos moita colaboración doutros corpos.