O boirense Francisco Muñiz Pose faleceu aos 74 anos
23 may 2026 . Actualizado a las 17:04 h.Ter que escribir estas liñas sobre un amigo tan próximo e querido remove todo o corazón e o sentir de calquera. Porque Paco non foi só un amigo, case un irmán. Foi a luz que sempre tiven a sorte de ter ao lado. Paco Muñiz Pose, Paco do Bar Novo de Boiro. Paco o fillo de José de Montaña e de Pepa. Paco foise e déixanos máis sós que nunca aos que lle quixemos.
Foise un home de mar e de calma. Un home de ben e de harmonía. Desas persoas das que se di que se só unha pequena parte do mundo fose así, non habería máis que paz e beleza neste mundo tan duro que nos toca atravesar. Así o coñeceu a súa querida Maruja, que nos deixou hai uns anos repentinamente, e o resto da súa familia que hoxe queda orfa de tanta bonhomía.
Ninguén tivo, ten nin terá unha mala palabra sobre Paco, porque así de grande é esta xente especial que sabe onde está a clave do ben, a clave do diálogo, do argumento, da harmonía da vida e o ben común. Porque Paco sempre pensaba nos demáis, na xente que o arrodeaba, na xente coa que convivía e coa que compartíamos os días con ledicia e gañas de vivir con tranquilidade e boas vibracións. Tanto era así, que resistía ao límite das súas forzas antes de queixarse de nada para non inquietar ás persoas que tiña ao darredor.
Como marino, un mestre nos mares do mundo a bordo da mercante. Como profesor na Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira, un aliado dos seus alumnos, que sempre lle profesaron un enorme aprecio. Magoa que a prolongada enfermidade nos privase da súa boa enerxía desde moi cedo e o convertise na persoa que nos acompañóu desde a pasividade e a nostalxia estes últimos anos.
Vivirá para sempre nos nosos corazóns Paco o do Bar Novo de Boiro. Que o vento o acompañe polos mares do infinito.