Daniel Ríos: «O mellor do Día da Bicicleta é a ilusión e o brillo nos ollos dos nenos»
BOIRO
Este ano sorteará dúas bicicletas de distintos tamaños
26 oct 2025 . Actualizado a las 05:10 h.Daniel Ríos (Boiro, 1959) é un dos incondicionais do Día da Bicicleta de Boiro desde os seus comezos. Aínda que se xubilou o ano pasado, o seu negocio segue aberto coa súa muller á fronte, e intacta continúa a súa paixón polas dúas rodas. Como cada ano, encargarase do mantemento durante o percorrido, que partirá o próximo domingo 2 de novembro ás 11 da mañá da praza de Galicia. As inscricións están abertas ata o venres 31 de outubro ás 12.00.
—Que novidades hai este ano?
—Hai dobre regalo porque imos sortear unha bicicleta grande e outra pequena, xa que o ano pasado finalmente no se celebrou a marcha por mor do mal tempo.
—Cal é a súa misión no Día da Bicicleta?
—A de servir de apoio durante o traxecto. Aínda que é unha marcha moi lenta, hai moitas incidencias, e xa non nos podemos parar a reparar un pinchazo. Todo iso antigamente si que se facía, pero os tempos cambian e agora a xente non quere esperar. Levamos un par de bicicletas de recambio, ademais dun minibús para a xente que se cansa.
—Hai moitos abandonos?
—Ao mellor oito ou dez, pero é pouquísimo porque estamos a falar de centos de participantes.
—Mantense o percorrido?
—Si, dende hai varios anos. Primeiro damos unha volta polo centro do municipio e imos ata Escarabote, onde facemos unha reagrupación. Aí chega case todo o mundo, non soe haber problemas nin avarías, só casos puntuais. Despois facemos outra parada un pouco máis grande detrás da nosa tenda, onde está Os Fornos. Facemos outra parada en Cabo de Cruz. Algúns dos nenos máis pequenos xa se retiran en Praia Xardín.
—Os nenos desfrutan moito con este paseo en bici.
—Si. Eles e os avós son os que máis participan. A que menos é a franxa de idade entre 30 e 50 anos porque esa xente adoita facer rutas máis grandes os domingos pola mañá. O mellor de todo é a cara de ilusión e ese brillo nos ollos dos nenos, que supera todas as expectativas que poidas ter. Ver a súa faciana de felicidade no arranque, ese nerviosismo, ... Ao mellor faime recordar un pouquiño a min cando era pequeno. O que máis me chega ao corazón é ese ímpeto co que participan.
—As bicicletas colleron moito auxe na pandemia. Como evolucionaron as vendas dende entón?
—Naquel momento tiñamos 215 bicicletas en Boiro e en quince días tiñamos todo liquidado. Agora xa non hai ese pico, pero si que se venden, sobre todo, eléctricas para a xente de 40-50 anos, e tamén as de nenos, especialmente para comunións, pois agora xúntanse varios invitados e compran xuntos. Con todo, nada que ver con aquelas 300 ou 400 bicicletas que se vendían ao ano.