Era xerente de Reace cando se descubriu o fraude do aceite en 1974
03 mar 2025 . Actualizado a las 14:50 h.José María Romero González, natural de Boiro, de 51 anos, cun currículo académico e profesional brillante, aparece morto na súa casa de Sevilla, xunto coa súa dona e a súa filla, a finais de setembro de 1972. As súas mortes nunca foron investigadas a fondo nunha familia na que era inexplicable a violencia de xénero e o mesmo suicidio. Os familiares que hoxe viven en Boiro non cren na versión oficial, suicidio, nin recibiron outra explicación. O propio informe fala de moitas dúbidas, pero non se investigou máis.
O goberno do Estado, ditadura, para controlar o mercado e o prezo do aceite, creara unha Comisaría de Abastecementos e Transportes (CAT). Como non dispoñía de depósitos para almacenar o aceite, contratou unha empresa de Vigo que os tiña en Redondela (Reace). Dita empresa fora creada en 1956 por Rodrigo Alonso Fariña, fillo de conserveiros. O xerente era Carlos Negreira, pero dada a envergadura da nova operación, máis de 12 millóns de quilos de aceite e o tráfico mercantil que isto supoñía, trataron de buscar un novo xerente con capacidade suficientemente demostrada. Elixiron o enxeñeiro técnico industrial de Boiro José Maria Romero González, que por entón traballaba en Sevilla.
O consello de administración estaba formado polo fundador, Rodrigo Alonso Fariña, que se fixera coa maioría das accións; Isidoro Suárez Diaz Moris, que fora secretario de Nicolás Franco e exercería de presidente xa que Rodrigo estaba á fronte do Real Club Celta de Vigo; Rodrigo Alonso Seoane, Nicolás Franco Bahamonde, Jorge Alonso de la Rosa e Alfredo Román Pérez, que facía de secretario.
A CAT pagaba un «canon» por mes e por quilos de aceite almacenados. As válvulas dos depósitos deberían estar precintadas, pero eran manipuladas por operarios da mesma empresa coa conivencia do consello de administración, xa que os administradores traficaban co aceite como se fose propio, de modo que vendían e repoñían ciclicamente. Normalmente o vendían cando estaba máis caro e o repoñían cando estaba máis barato, que coincidía coa colleita da oliva. A diferenza de prezo oscilaba entre 10 e 12 pesetas o litro. Os principais clientes eran os conserveiros.
Nun momento o sistema fallou e nos depósitos non había a cantidade que debía. José María Romero descubrira a falta e o presidente do consello díxolle que estaban esperando o barco Sac de Marseille procedente de Alxeria, que reporía o que faltaba. Pero José María descubriu que ese barco non existía e que había un desfalco de case cinco millóns de litros de aceite valorados en 200 millóns de pesetas. Nun principio dixéronlle que reenchera con auga os depósitos baleiros, case a metade. Jose María Romero non quixo cumprir esta orde e o día 23 de marzo de 1972 foi presentar a denuncia ao xulgado de garda de Vigo.
A partir de aí, empeza un regueiro de mortes, sete, en estrañas circunstancias que nunca foron aclaradas axeitadamente, pero todas relacionadas con este caso. Aos poucos días da denuncia é detido no tren de Madrid-Bilbao o presidente do consello, Isidro Suárez, que ó notar que o estaban perseguindo, tira pola ventá do vagón unha maleta cunha gran cantidade de diñeiro e divisas. Morre no cárcere de Vigo, un golpe na cabeza por un desmaio na ducha provocado por un escape de gas.
Arturo Cordobés, un taxista de Vigo que normalmente era o que transportaba os membros do consello de administración e conserveiros, aparece morto con tres balazos. Antonio Alfageme del Busto presidente dos conserveiros de Galiza, aparece apuñalado na súa oficina de Vigo, a súa morte tamén se relacionou como crime pasional.
En setembro do mesmo ano 1972, na rúa Mozón de Sevilla, aparecen mortos no seu piso José María Romero González, a súa dona e a súa filla. Aos poucos días chega unha carta escrita a máquina e dirixida ó xuíz, informando de que era un suicidio acordado; segundo os peritos, pola súa extensión e polo seu ton, non era propia dun suicida nin dunha persoa tan dilixente como José María. El fora o que denunciara o desfalco. A filla parece que morreu axeonllada... Máis tarde tamén aparece morto no seu despacho Luís Mañas Descalzo, ex administrativo de Reace, segundo fontes familiares, por unha anxina de peito
O 20 de outubro de 1974 ,ante unha multitudinaria asistencia de público e xornalistas, empeza o xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra. Os acusados son: Rodrigo Alonso Fariña, por malversación de caudais público e suborno; Alfredo Román Pérez, secretario, polos mesmos delitos, e Ángel García Canals, vixiante dos depósitos, por abandono de función e suborno. O resto, mortos, indultados ou apartados do caso.
O presidente do tribunal, Mariano Rajoy Sobredo, levou ferreamente a vista, evitando que o nome de Nicolás Franco fose chamado a declarar como pedira José María Gil Robles, avogado da defensa de García Canals. Presentárase para defender gratuitamente o obreiro de Reace, pero tamén para implicar ao irmán do caudillo. Neste xuízo pronunciou a célebre frase «aquí non son tódolos que están, nin están tódolos que son», ao mesmo tempo presentou revistas do corazón nas que aparecía Nicolás Franco en diversos saraos, cando, segundo o presidente, presentara certificación médica de que estaba enfermo.
Nestas datas era ministro de Información e Turismo Pío Cabanillas Gallas, que non permitiu que a prensa airease este asunto no que estaba implicado o irmán do xefe do Estado. Non se investigaron as mortes, nin a onde foi parar todo o aceite, nin os beneficios e beneficiarios... Ao pouco, desapareceron os 5.000 folios do caso, por obras, por traslados, pero nunca máis apareceron.
Tódalas mortes son execrables, pero que sexan inxustas e traten de escondelas, non é humano. O esquecemento molesta incluso á memoria dos mortos.