Na de Manuela

BOIRO

Vista de Palexco
Vista de Palexco MARCOS MÍGUEZ

08 feb 2023 . Actualizado a las 19:48 h.

A semana pasada tiven uns cantos días libres no choio e déuseme por ir dar unha voltiña pola cidade de A Coruña. O obxectivo non era outro que rememorar a vidorra que me gastaba cando estudaba para a profesión de informar, pero o certo é que a xornada non foi tal e como eu ma imaxinaba nun principio.

Tendo aos meus compañeiros aínda sen ningún tipo de responsabilidade máis alá que non quedar durmidos nas clases (ás poucas que van), dende un primeiro momento sentinme fóra de onda, pero o peor é que nada cambiara dende que eu me fixese a un lado dese modo de vida tan envexable.

A noite comezou como era de esperar, que se música, que se unhas cartiñas... e as demais historias dunha previa festiva. Nada, meu maior confidente dentro daquel contexto xa estaba vendo que por aí non ían os tiros. «E lo por que non imos a un bareto?», exclamei eu intentando escaparme daquel espazo cheo de fume. E vaia se fomos, ás veces é mellor estar calado.

Alá que estaba, ás tres, no local de moda da cidade herculina, tan igual e tan diferente á vez. Bailes, música comercial e ringleiras enormes para achegarse á barra co fin de pagar por bebidas de dubidosa calidade, o soño de calquera mozo da miña idade.

Por sorte, ao final cheguei a enganchar a cama despois de comer unha ración de raxo (aínda que lle botaron salsa barbacoa, pero ese pecado xa dá para outra columna). Conclusión? Vou seguir indo cando teña oportunidade, pero tendo claro que onde estea unha tarde de venres sentado na taberna de Manuela cos colegas, que se quite todo o demais.