Antonio García: «Apoiamos un goberno progresista e estamos decepcionados, non se fixo nada»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BOIRO

CEDIDA

Acaba de chegar á corporación substituíndo a Manuel Velo á fronte de ICBoiro

05 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A renuncia de Manuel Velo propiciou recentemente a entrada na corporación de Antonio García Castro, que se ben acaba de tomar posesión e el mesmo recoñece que está en cueiros, si estivo atento a estes dous primeiros anos de mandato o suficiente como para ter unha opinión sobre a xestión municipal.

-Acaba de chegar, tivo ocasión de poñerse ao día?

-O suficiente para saber que estes dous primeiros anos non foron nada, está todo parado totalmente, os orzamentos sen aprobar, non se están facendo obras, non hai proxectos... Todo é unha caixa de fume.

-Polo que comenta non ten demasiadas expectativas en que a situación vaia a cambiar.

-Non. Nin se fixo nada ata o de agora nin hai nada plantexado para o futuro, vese unha parálise total no goberno.

-Agardaban máis desde goberno cando lle deron o seu respaldo na investidura?

-Apoiamos un goberno progresista en Boiro e estamos decepcionados porque non se fixo nada. Como non tomen medidas e non busquen un acordo coas demais forzas políticas para aprobar os orzamentos, pouco se pode facer. Teñen que chegar a consensos, non poden desenvolver unha política eficiente para Boiro eles sós.

-Vostedes están abertos ao diálogo?

-Está nas mans deles chegar a acordos. Eles son os que teñen a responsabilidade de gobernar e polo tanto son eles os que teñen que buscar punto de encontro cos demais partidos.