O país da goma

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BOIRO

06 mar 2019 . Actualizado a las 13:45 h.

Aescola na que estudei primaria é hoxe unha biblioteca e a biblioteca municipal foi vendida a unha empresa para construír vivendas. O patio no que xogabamos é hoxe un grande aparcadoiro asfaltado. O instituto no que estudei o bacharelato é actualmente un edificio de Protección Civil e conservatorio de música. Pero tamén temos aqueles edificios que foron arrasados para suplantalos por outros máis modernos, como as casas consistoriais de Ribeira, Boiro ou Carballo -hai moitas máis-, podendo facer ampliacións e manter o edificio auténtico. Xa non falemos dos cines e teatros que foron transformados en edificios de vivendas, mudando drasticamente o uso común a privado.

Todos podemos sentirnos identificados con esta desconcertante situación, que choca máis cando vives noutro lugar e regresas ás orixes para repasar as vivencias doutro tempo. É coñecida a expresión dos emigrantes cando regresan anos despois e din «a vila está descoñecida». Imaxinan que cidades como Roma, Compostela ou Sevilla resulten descoñecidas tres décadas despois? As colectividades van gardando e transmitindo certas imaxes fixas, ulidos e sons que constitúen un lugar da memoria colectiva, un fenómeno que permite introducirse nas relacións simbólicas dunha cidade, co fin de sacralizar a súa memoria e representar a súa identidade. Definen a personalidade da localidade e do pobo que viviu nela. Cando desaparecen estas referencias, pérdese o lugar, pérdese a propia cidade.

Galicia foi -e segue sendo- especialista en usar a goma para borrar a memoria colectiva, perdéndose o arraigo e o orgullo.