Eses ollos claros de cálida mirada, vivaces e sabios, tampouco van poder ver medrar aos dez bisnetos
09 feb 2019 . Actualizado a las 14:19 h.Os ollos claros de Josefina Collazo, Fina das Brañas, xa non volverán mirar para as súas catro rosas, as catro fillas coas que ela e Valentín Peneireiro crearon os alicerces dunha numerosa familia unida coma unha piña. Eses ollos claros de cálida mirada, vivaces e sabios, tampouco van poder ver medrar aos dez bisnetos. Nin poderán seguir resolvendo sopas de letras nin lendo a prensa como facían cada día. Porque onte apagáronse para sempre con 92 anos, e hoxe son outros ollos, os da súa enorme prole, os que a miran a ela cunha pena inmensa, pero felices porque Fina tivo unha vida plena ata o final.
Era unha muller forte, que superou achaques e reveses sen protestas nin queixumes. Din os seus netos que era a matriarca total, como moitas mulleres da súa xeración, aínda que no seu caso tamén lle tocou exercer ese papel cos seus propios irmáns. Ela era o piar sobre o que se apoiaban todos os demais, e o seu recordo seguirá a ser o vínculo indestrutible que manterá unidas ás súas catro rosas, aos oito netos, aos dez bisnetos e aos que están por vir. É o que pasa coas personalidades fortes, que permanecen máis alá da morte, e todos se acordarán do seu tirar para diante quitando importancia a calquera problema; da súa teima en dar de comer e beber a calquera que aparecera de visita pola casa; dos seus refráns e consellos, e tamén das súas advertencias.
Porque Fina das Brañas, cos seus 92 anos enriba e todo, era unha muller presumida e gustáballe que a súa familia coidase tamén as formas e fose aos sitios debidamente arrombada, así que os avisou ben a todos. A certa idade un é consciente de que antes ou despois terá que emprender a viaxe cara o outro mundo, así que esixiu aos seus que ao seu enterro foran coma pinceis, vestidos coma para unha voda. E que cada un dos seus netos levase un caravel.
Hoxe chegou o día no que terán que cumprirlle o desexo e levar os oito caraveis para Fina. A misa na súa memoria terá lugar na capela do tanatorio de Boiro e recibirá sepultura en Taragoña.