«Oxalá nunca morran os seráns»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

No seu bar, o Enxebre de Boiro, Ibonia Sieira propiciou a recuperación das foliadas populares

11 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Era xa adulta cando entrou en contacto coa música tradicional pero, desde que o son da pandeireta penetrou nela, Ibonia Sieira xa non foi quen de afastarse deste instrumento popular. Botou man do seu negocio, o bar Enxebre, para practicar a súa afección e enganchar a outros veciños de Barbanza. De feito, esta boirense deulle o pistoletazo de saída ao proceso de recuperación dos seráns, citas que foron espallándose despois ao longo e ancho da comarca e que nestes intres rexistran un auténtico bum.

O bar que montou hai un cuarto de século é o recuncho preferido de Ibonia Sieira: «Con este local conseguín chegar á miña verdadeira meta, que non era outra que a música tradicional». Xa sendo pequena, no seu Cabo de Cruz natal, escoitaba con gusto a unha veciña que tocaba a pandeireta: «Desde entón, quedoume unha espiña cravada». Foi anos despois, ao pouco tempo de casar, cando a boirense se decidiu a dar o paso definitivo: «O meu home tiña un tío que cantaba e tocaba a pandeireta moi ben. El animoume a ir a clases».

Pero tocar cos compañeiros de aprendizaxe ou entre as catro paredes da súa vivenda non era suficiente. A sede de música de Ibonia Sieira non quedaba saciada. Quería máis e, para conseguilo, botou man do espazo no que pasaba máis horas ao día, o seu bar: «A min gustábame moito a pandeireta, pero sabía que había xente que compartía esta afección. Era consciente de que faltaban o lugar e a ocasión para gozar xuntos da música tradicional e ocorréuseme brindalos». Así naceu o primeiro serán do Enxebre.

Dez anos de festa

Aquela cita inaugural non tivo a resposta esperada: «Recoñezo que os comezos foron duros, pois á xente custáballe entender o funcionamento deste tipo de festas. Lémbrome que no primeiro serán practicamente ninguén se animaba a cantar nin a bailar». De feito, aínda que xa daquela Ibonia Sieira tiña en mente montar xuntanzas de forma periódica, pasou máis dun ano ata que se convocou a segunda: «Cando a xente entendeu a idea todo veu rodado e a iniciativa foi pouco a pouco a máis. De feito, en outubro, o Enxebre acadará os dez anos organizando seráns cada mes».

Aínda que a paixón pola pandeireta é a que a leva a montar estas foliadas, con sona en toda a comarca e incluso máis alá das fronteiras de Barbanza, Ibonia Sieira fai fincapé en outras recompensas: «Atráeme a posibilidade de poder relacionarme con moita xente que, de outro xeito, non tería opción. Aquí chegan persoas de Muros, Outes e mesmo Pontevedra».

Encontro xeracional

A boirense asegura que a cada foliada que monta o último sábado de mes acode sempre algunha persoa nova que despois repite sempre. «Oxalá nunca morran os seráns», sinala entre suspiros. Argumenta que estampas que se ven nestas xuntanzas de amantes da música tradicional son irrepetibles: «O máis impactante é a posibilidade de ver tocar xuntos a membros de varias xeracións dunha mesma familia. Aquí coinciden avós, fillos e netos, e iso non é doado de ver».

A aqueles que coma Ibonia Sieira e os seus compañeiros de aventuras senten correr a música folclórica polas veas pero aínda non se animaron a dar o salto aos seráns, a boirense lánzalles unha mensaxe: «Teñen que perder o medo e a vergoña, ir unha primeira vez a un serán, sexa o do Enxebre ou sexa o de outro local, abrir a porta e entrar». Asegura que ese é a única barreira a romper, pois «o que vai unha vez, repite seguro».

ibonia sieira