Os dous mundos

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

A POBRA DO CARAMIÑAL

MARCOS CREO

04 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Estiven estes días explorando antigas filmacións das procesións da Pobra do Caramiñal, moitas delas dispoñibles, de xeito máis ou menos fácil de atopar, na rede. Como se poden imaxinar, o Nazareno monopoliza bastante da metraxe audiovisual, pero no Pasou o que pasou, o moi recomendable repositorio de vídeos da Televisión de Galicia, inclúe tamén por exemplo unha adorable reportaxe sobre a procesión da Burriquiña do ano 1996.

 Vese a don Nicolás, o párroco, e centos de nenos fascinados co burriño que percorría as rúas. Por se aínda non se decataron os da miña idade, ou posterior, o 1996 foi hai moito, moito tempo. Tanto, que agora ao velos descobres que ese mundo xa non é o teu. E non só pola roupa.

Co Nazareno aínda viaxamos máis atrás. No Youtube, en RTVE ou en redes sociais inhóspitas aparecen secuencias da procesión das mortallas que ás veces se poden remontar a finais dos 60. Neses vídeos temos todo o que unha vila como A Pobra é, unha mestura entre o mariñeiro, o urbano e o labrego.

Nos vídeos dos 70 obsérvase como conviven varios mundos: os labregos, coas mulleres vestidas de negro con pano á cabeza e os homes de grises, solemnes, sen sorrir, pel curtida, mans grandes. E logo os vilegos, vestidos á moda última do momento, con roupas bonitas e coloristas como napolitanos nas festas de San Genaro.

Un dos dous mundos xa desapareceu, pero de algún xeito segue aí. E non podemos entender as nosas vilas, nin a propia Galicia, sen sabermos que estamos feitos deses dous mundos.