Os Areos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Las antiguas naves de salazón están situadas al final de la playa de Os Areos de A Pobra
Las antiguas naves de salazón están situadas al final de la playa de Os Areos de A Pobra CARMELA QUEIJEIRO

O inminente derrubo das naves de salgadura dos Areos, no barrio dos Cataláns da Pobra do Caramiñal, é unha mostra da ignorancia e do desprezo que aínda temos en Galicia polo patrimonio industrial

13 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O inminente derrubo das naves de salgadura dos Areos, no barrio dos Cataláns da Pobra do Caramiñal, é unha mostra da ignorancia e do desprezo que aínda temos en Galicia polo patrimonio industrial. Forman parte da nosa historia e da nosa memoria, un emblema do progreso e do pulo que tivo a industria conserveira galega.

Agora argumentan que, como nas escavacións arqueolóxicas non atoparon nada interesante, van derrubalas para ampliar o areal. E aquí aparece o paradoxo: que esperaban atopar baixo a terra? O importante destas naves está sobre terra: nas súas paredes, cubertas e espazos onde se salgaba e manipulaba o peixe.

Por esa razón as catalogaron: para protexelas, non para derrubalas. Parece que só consideramos patrimonio o que aparece nunha escavación e deixamos desaparecer diante dos nosos ollos os edificios que explican a historia económica e social das nosas vilas.

Os Areos son a pegada física dunha actividade que transformou Galicia, xerou emprego, riqueza e unha cultura industrial propia. Sen elas, a historia da conserva queda reducida aos libros e ás fotografías.

E non se trata de conservar todo. Trátase de saber distinguir o que ten valor e comprender que o patrimonio industrial tamén forma parte do noso legado.

Non podemos aceptar que, baixo a bandeira ideolóxica da recuperación natural, se borre toda a memoria industrial dunha vila conserveira. Recuperar a natureza non debería significar eliminar a historia.

Os Areos deberían ser unha oportunidade para explicar esa historia, non un obstáculo que eliminar para gañar uns metros de praia.