Xa pasou

Ciprián Rivas

BARBANZA

Case todos imos os mesmos lugares a velo. Iso, quizais queira dicir que no caso dun cataclismo sabemos onde acudir para salvagardarnos
Case todos imos os mesmos lugares a velo. Iso, quizais queira dicir que no caso dun cataclismo sabemos onde acudir para salvagardarnos MARCOS CREO

Pasou o eclipse total do sol, aínda que nestes lares puidemos velo só parcial, e xa ninguén fala del. Miles de persoas nos mobilizamos para poder observalo

24 ago 2026 . Actualizado a las 11:36 h.

Pasou o eclipse total de sol, aínda que nestes lares puidemos velo só parcial, e xa ninguén fala del. Miles de persoas nos mobilizamos para poder observalo, algúns arrombados coa cadeira de praia, viseira e lentes apropiadas para non quedar sen vista, tal como lle pasara a unha deputada de Ciudadanos —partido do que dimitiron case todos os seus afiliados—.

Outros instalaban mirando ao oeste unhas mesas nas que pousar as tortillas, empanadas de carne e atún, os bistés empanados e sen empanar, as peitugas de polo fritidas, o flan para a sobremesa e o viño coa etiqueta ben visible da Indicación Xeográfica Protexida Barbanza e Iria, a cal conta con bos caldos a prezos que non teñen nada que envexar a un bo godello ou ribeiro.

Os galegos, cando nos poñemos a observar un fenómeno astronómico de tales características sempre imos ben abastecidos, non vaia ser que a cousa atrase e quedemos con fame cando se pode arranxar con media hora de cociña. E no caso de que non se adíe o evento sempre pode quedar para o segundo tempo por si entra a garula.

Case todos imos aos mesmos lugares a velo. Iso quizais queira dicir que no caso dun cataclismo sabemos onde acudir para salvagardarnos. E todos, menos uns poucos, sabemos onde aparcar o coche, sen necesidade de ningunha autoridade competente uniformada que dea instrucións. Couso, en Aguiño, foi unha invasión de persoas e de vehículos dispostas a non deixar pasar esta oportunidade histórica.

O espectador co fenómeno, despois de tanta información achegada polos medios ía radiándolle a muller, ela preocupada pola intendencia gastronómica, o grao de ocultación do sol, igual que un locutor de radio.