O faiado

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

O espazo baixo o tellado é o que coñecemos de sempre como faiado. Tradicionalmente, as casas galegas, con independencia do número de andares, tiveron sempre o tellado a dúas, tres ou catro augas. O espazo que quedaba baixo esa cuberta chamábase faiado. Era como un rocho onde se gardaban mobles vellos, roupas esquecidas, apeiros ou libros que agardaban unha segunda vida. Pero, sobre todo, constituía unha cámara de aire que protexía a vivenda dos rigores do clima: do frío húmido do inverno e da calor abafante do verán. A sabedoría da arquitectura popular non respondía ao capricho, senón á experiencia acumulada durante séculos.

Coa chegada do urbanismo especulativo, esa lóxica rompeuse. O faiado deixou de ser un espazo de protección para converterse nun produto inmobiliario puro. Bautizouse, ademais, cun nome impropio: ático. Mais un ático verdadeiro é unha planta recuada, aberta ao exterior e arrodeada de terrazas. O que se vendeu durante décadas foi, simplemente, unha vivenda baixo cuberta.

As consecuencias non tardaron en aparecer. Estancias con pouca altura, illamentos insuficientes, temperaturas extremas, condensacións e unha habitabilidade moi inferior á prometida. O aforro inicial acabou transformándose nunha sucesión de incomodidades.

Recuperar o sentido do faiado non é unha cuestión de nostalxia. É volver entender que a boa arquitectura nace do respecto polo clima, pola técnica e polo sentido común. Porque ás veces o progreso non consiste en ocupar todos os espazos posibles, senón en conservar aqueles que nunca deberon deixar de cumprir a súa función.