A milla

José Vicente Domínguez
JOSÉ VICENTE DOMÍNGUEZ CADERNO DE BITÁCORA

BARBANZA

Imaxe dunha carta náutica da Coruña, de finais do século XVI
Imaxe dunha carta náutica da Coruña, de finais do século XVI Lucas Jansz Waghenaer

Chegar a atopar unha unidade de medida de distancia común para todos os navegantes non foi operación sinxela. O primeiro consenso para considerar que a milla tivera unha lonxitude de 1.852 metros, conseguiuse na Conferencia Hidrográfica Nacional de 1929. Pero non todos os países aceptaron tal decisión. Non foi ata o 1 de xullo de 1954 cando os Estados Unidos se adheriron e deixaron de utilizar a súa milla náutica de 1.853,24 metros. Pero o máis curioso foi que o Reino Unido non o fixo ata 1970, deixando atrás a súa famosa milla do Almirantazgo de 1.853,18 metros.

Como poden ver, na era das situacións por medio de observacións astronómicas, un erro de 120 metros cada 100 millas non se consideraba demasiado importante. Claro que, agora, comparado coa precisión do sistema GPS (incorporado nos anos setenta), pódenos parecer raro que tales diferenzas sucedesen cando moitos de nós xa andabamos polo mar adiante.

E cal foi a razón pola que entre uns e outros houbera tales discrepancias á hora de coñecer a lonxitude da milla náutica? Pois nin máis nin menos que aquela definición do metro que nos ensinaron nas escolas: «Dez millonésima parte do cuadrante de meridiano terrestre entre o Polo Norte e o Ecuador» que partía da base de que a Terra era unha esfera perfecta; cando logo se demostrou que se trataba dunha bola achatada nos polos e engordada polo Ecuador, á que chamamos Xeoide. Deste xeito, non é o mesmo a distancia esférica segundo se trate dun lugar ou doutro da Terra. Uns medíano no paralelo 44° 13’ e outros no 47° 40’, segundo as súas conveniencias xeo estratéxicas.

Pero hai veces en que o tempo non corre. Pois non foi ata ano 1983 cando chegou a nova definición do metro: «Distancia que percorre a luz no baleiro no intervalo de tempo de 1, dividido entre 299.792.458 segundos». Así salvamos un dos inconvenientes; coñecemos canto mide o metro, pero non os erros que pode haber cando medimos as distancias nunha carta náutica de proxección Mercator. Tan só sabemos con certeza que unha milla é un minuto de arco de meridiano, pero os aumentos de escala que se producen na proxección dunha superficie esférica irregular contra a envolvente cilíndrica na que se basea a carta náutica, fai que as distancias non sexan exactas. Por moito que as medidas se tomen correctamente na escala de latitudes do lugar que se quere medir.

Claro que, o que non se conforma é porque non quere, pois a pesar da inexactitude, sen dúbida que agora témolo máis claro do que o tiñan os romanos. Para eles unha milla terrestre (mille passus) eran os mil pasos dun lexionario, cada vez que o seu pé esquerdo pisaba o chan. Distancia que se estimaba nuns 74 centímetros aproximadamente, independentemente da súa lonxitude de perna ou das caligas que calzasen. Desta maneira, sen discusión para a época, unha milla romana terrestre equivalía a uns 740 metros. Pero os romanos tamén tiñan outra milla como unidade de medida no mar que, curiosamente ou non, equivalía a 1.481 metros; o dobre da súa milla terrestre.

Como curiosidade, cando Colón navegaba, medía o avance das súas naves por leguas mariñas que eran igual a catro millas romanas; equivalentes a unhas tres millas mariñas actuais. Dalgún xeito, as cousas cadraban.

Por outra banda, as leguas son as distancias máis largas entre as medidas coñecidas. Por elo non sorprende escoitar frases como que o goberno e a oposición, están a «leguas de distancia». Seguramente de aí ven o problema.

Por hoxe imos deixar aquí este Caderno de Bitácora. E para rematar co tema das medidas, o vindeiro domingo falaremos do cable, da braza e do nó; esa medida de velocidade que todos coñecemos.