Da sabia man da profesora e comisaria da exposición, Maka Arca, chegou a Noia, chega a Outes, e chegará ao Son esta sorprendente mostra do noso Isaac, «heroe clásico tocado por un fado», despois de pasar, e felizmente, por moitos IES e moitos concellos. E suma e segue. Unha mostra que aborda, mediante paneis explicativos, a traxectoria vital, intelectual, cultural, artística e profesional de Isaac Díaz Pardo, dende a súa infancia ata Sargadelos, pasando por Bos Aires. Un enorme legado clave para entendermos a cultura galega contemporánea, e que Maka nos achega con paixón e amenidade.
Isaac Díaz Pardo non foi só un nome insculpido na historia de Galicia: é manancial e fondo río que se nega a estiñar. Fixo da arte un refuxio e da memoria unha patria sen fronteiras. E polas súas mans descorreu o latexo da Terra mai, coa teimosía dos que saben que a cultura é o fogar que cómpre reconstruír unha e outra vez, dende o rigor e a xenerosidade. Pintor de silencios, ceramista de soños, escritor e editor de dignidades, mecenas xeneroso, ergueu pontes onde outros constrúen ruínas.
Cada sargadelos de seu garda o calado eco da súa voz; cada libro é unha vitoria contra as sombras da maiola. Porque Díaz Pardo entendeu que un pobo que esquece, ou non fai, é un mar sen horizonte nin velas que o suquen. Un polímata que uniu beleza e compromiso, creación e conciencia social. Un empresario cultural que fixo da súa vida a obra colectiva por excelencia, e cargou coa historia ferida de Galicia transformándoa en formas de cor, orgullo e esperanza. Unha obra sen chatas, pese aos atrancos e traizóns de última hora.
Con el, o barro fala galego, «con cordialidade intransixente», pero fala. E con el, cada deseño leva escrita a historia dun pobo que se nega a desaparecer, porque a cultura propia é refuxio, fogar e conciencia compartida.
Maka Arka leva anos debruzada sobre tan egrexia figura, no ámbito escolar, pero non só. Como docente sabe que alí onde medran os espazos de creación e o traballo rigoroso ecoa a beleza e a verdade. E que coñecer é resistir, lembrar é crear, con responsabilidade e esforzo solidario. Porque con Maka e Isaac, Isaac e Maka, aprendemos que os pobos que esquecen as súas raíces comprometen e empobrecen a súa Historia. E recordar é o mellor xeito de mantermos acesa a luz da súa ollada —e das nosas—, que segue a ser guía e meta a perseguir.
Unha mostra esta que, máis alá dos libros e das datas, abre xanelas de resistencia e permanencia, ilumina espellos nos que se mirar, vidas exemplares que emular, camiños que percorrer. E cando Maka comparte con nós, en vivo e en directo, a importancia de tamaña herdanza isaacdiazpardiana, estase a converter en privilexiada oleira de presentes e futuros.
Esperanza fronte a silencio interesado. Por Galicia, grazas plurimas aos dous!
O «dioivo»
ENCARNA PEGO
Era o mes de xuño cando un grupo de amigas decidiron visitar Moscova —antes da invasión a Ucraína—. A temperatura era agradable inda que de cando en vez caían unhas pingas. A guía amosoulles, manu militari, as fermosas estacións do metro, o Kremlin e a Praza Vermella, as igrexas e catedrais; demorouse no centro Panruso de Exposicións —ou dos soviets—, e logo nun mercado onde satisfacer as ansias de souvenirs do grupo.
Ademais das matrioshkas, había gorros e pasamontañas de pel, chancos —coma os que calzaban súas nais para ir á cortiña—, ou máquinas antigas para coleccionistas.
Á volta, algunha parou a probar os chancos. Eran de deseño, de cadros, e mercou uns.
Xa no bus, unha dixo: «E non nos leva ao Museo!».
As tres que a ouviron sumáronse á petición e falaron coa guía, que lles indicou, no mapa, como ir en taxi.
Para entrar, toparon unha boa ringleira, e chovía a cachón. A que tiña os chancos na bulsa non dubidou en estrealos.
Admiraron obras famosas, algunha de Kandinsky —que pasaba por ser o primeiro pintor abstracto—. Agora sabemos que a primeira foi unha pintora sueca, Hilma af Klint.
Saíron da galería satisfeitas, pero molladas. Unha das obras do citado pintor, na que dixo representar o dioivo, vivímola en carne propia.
As letras homenaxeadas
Xosé M. Lobato
Orixe e celme... A gran pedra filosofal comeza coa publicación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, un 17 de maio de 1863. É un século despois cando a Real Academia Galega decide celebrar esta data. A proposta de festexar as Letras coincidindo co centenario de Cantares, parte de tres académicos un 20/04/1963. Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo.
A importancia desta efeméride achega un setestrelo necesario, mais incompleto: Na actualidade, celebrar as Letras é manifestar a vitalidade da lingua propia de Galicia, tanto en Galicia como fóra. Tamén o compromiso do pobo co seu idioma, significa implicar a cidadanía e achegar medios para mergullar o pobo na súa lingua. Animar á lectura, aproximarse á literatura de noso, facela accesible para todos, a cultura na rúa, libros ás prazas, recitais, música... Reivindicar, pór en valor o legado deses persoeiros... Begoña Caamaño, que xa non están entre nós, mais deixaron unha obra inmortal e forman parte do noso parnaso, no caso de Begoña con merecementos próximos a ese Olimpo, fundamentalmente por esa re-escrita da mitoloxía grega.
Destinatarios prioritarios, os máis novos, os escolares, aqueles que forman parte do futuro. Tecer palabras para fomentar o cambio, así como a cultura en xeral accesible a todo o pobo.
A música nas Letras... Cada canción en galego é unha forma lúdica de espallar a lingua, cada escenario conquistado é unha vitoria cultural.
Finalmente, a nosa lingua só temos unha forma de mantela viva; amala, usala, falala.
Neste 2026 é homenaxeada Begoña Caamaño, nada en 1964 e finada en 2014. Foi periodista, escritora, activista e, fundamentalmente, unha gran lectora; así o demostran as súas obras; Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle.
Unha lectora dende moi tenra idade, pois como ela mesma manifestou, a súa afección abrolla «cunha nai que cada noite sentaba aos pés da miña cama e me lía poesías». Tamén «leo porque tiven a sorte de descubrir a maxia dende pequena. Porque tiven un avó que se inventaba historias».