Pegadas históricas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

MARCOS CREO

«Un centro histórico non é un decorado nin un parque temático»

19 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha forma silenciosa de borrar a historia: substituíla sen facer ruído, pedra a pedra. Nos centros históricos, onde cada irregularidade fala do paso do tempo, asistimos a unha transformación que, baixo aparencia de mellora, implica unha perda profunda de autenticidade. As vellas lousas, gastadas polo uso, polas ferraduras, polos pasos de xeracións enteiras, están a ser retiradas para dar paso a superficies novas, lisas e perfectamente aliñadas.

O argumento é coñecido: os tacóns engánchanse, os coches fan ruído, a comodidade esixe uniformidade. Mais esta lóxica esquece algo esencial: o patrimonio non está para ser cómodo, está para ser verdadeiro. Noutros lugares de Europa, como Italia ou Portugal, enténdese ben, e cando hai que intervir para introducir servizos ou infraestruturas, levántanse as pedras, realízanse os traballos necesarios e vólvense colocar as mesmas pezas, respectando a súa posición, o seu desgaste e a súa memoria.

Aquí, pola contra, optamos con frecuencia pola substitución total. O resultado pode parecer máis limpo, máis ordenado, mesmo máis moderno, pero tamén é máis falso. Perdemos a textura do tempo, a pegada das vidas que nos precederon, a autenticidade que non se pode fabricar.

Un centro histórico non é un decorado nin un parque temático. É un espazo vivo, cargado de significado, onde cada pedra conta algo que ningunha nova pode imitar. Ao cambialas, non só melloramos un pavimento: empobrecemos un relato colectivo. E un pobo que borra as súas pegadas acaba por non saber de onde vén… nin cara a onde vai. E iso debería preocuparnos.