Hai algunhas intervencións no patrimonio que falan máis do arquitecto que do edificio
12 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hai algunhas intervencións no patrimonio que falan máis do arquitecto que do edificio. E iso, cando se trata de bens históricos, debería facernos sospeitar. Porque actuar sobre unha obra herdada non é un exercicio de exhibición propia, senón de responsabilidade. Cada pedra e cada volume responden a unha lóxica doutro tempo e doutro autor, e intervir sen escoitar esa voz é, no fondo, arrogancia.
Un arquitecto que entra nun edificio histórico debería facelo con humildade. O seu mellor logro non é destacar, senón pasar desapercibido: resolver problemas, adaptar usos e garantir a conservación sen alterar a esencia nin competir co autor orixinal. Porque o protagonismo xa ten dono, e non é quen chega séculos despois. Intervir ben é saber estar, non querer ser máis.
Porén, a realidade amosa unha contradición. Nas escolas de arquitectura ensínase a destacar, a romper, a deixar pegada. Fórmanse profesionais que buscan diferenciarse e chamar a atención, como se cada proxecto fose unha oportunidade para exhibirse. E son moitas veces eses mesmos catedráticos os que, cando interveñen no patrimonio, aplican esa lóxica onde resulta inadecuada.
O resultado son actuacións que se impoñen e acaban por eclipsar o edificio que din respectar. Intervencións que xeran incomprensión e rexeitamento social. Porque a cidadanía percibe con claridade que o patrimonio non é un lenzo en branco nin un campo de probas. As gárgolas, que observan en silencio, levan séculos lembrándonos que a arquitectura pode ser discreta e significativa á vez. Quizais cómpre aprender delas: estar sen invadir.