Os nosos fondos marinos gardan unha memoria notable da historia da navegación galega e europea e das conexións atlánticas de Galicia
22 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Estiven botándolle un ollo ao Catálogo do Patrimonio do Litoral, fito inaugural das accións da Xunta coas súas recén transferidas competencias sobre a costa galega.
En total están documentados máis de 2.000 fitos de carácter etnolóxico, arqueolóxico, industrial, artístico ou subacuático. Poden parecer moitos ou poucos para os nosos case 1.500 quilómetros de litoral. Eu de primeiras botei en falta algúns que deberan estar, como a misteriosa «casa dos piratas» do Cabo Touriñán, que localicei analizando en detalle unha foto vella na que aparecía o arqueólogo Luís Monteagudo ao carón dun derrubo. Como calquera catálogo de patrimonio, este nunca debe darse por pechado.
Pero un dos detalles que máis poden sorprender é a localización dos pecios. Tampouco están todos, pero son abondos para comprender a riqueza agochada no mundo submarino.
Os nosos fondos e as dinámicas das mareas non conseguen que, ao seren escavados, os nosos pecios nos agasallen con esas imaxes de barcos romanos enteiros coa súa carga de ánforas completa que ás veces nos chegan do Mediterráneo ou do mar Caspio. Porén, eses fondos gardan unha memoria notable da historia da navegación galega e europea e das conexións atlánticas de Galicia.
Aínda que existen numerosas iniciativas de divulgación do patrimonio submarino nas nosas comarcas, penso que este coñecemento aínda é unha materia pendente en diferentes ámbitos. Se cadra o catálogo do litoral sexa un novo chanzo para convencernos desta riqueza oculta no fondo do mar.