Carolina Ferreira gaña o certame artístico Cousas impulsado polo Félix Muriel
BARBANZA
O concurso contou con 76 traballos, dos que 30 acadaron a fase final
24 mar 2026 . Actualizado a las 11:08 h.O IES Félix Muriel de Rianxo acolleu a reunión do xurado do terceiro certame artístico Cousas, unha iniciativa que busca dar visibilidade ao talento do alumnado a través da imaxe e da palabra en galego, homenaxeando a figura de Castelao. Nesta edición presentáronse un total de 76 traballos, dos que 30 acadaron a fase final.
O primeiro premio, dotado con 300 euros, foi para Carolina Ferreira Vázquez, alumna de 18 anos do Félix Muriel, pola súa obra A cadeira baleira. O xurado destacou a «adecuación do texto e da imaxe» e a «denuncia social feminista dun tema que por desgraza aínda segue vixente como na época de Castelao».
O segundo galardón (200 euros) recaeu en Ezechiel González Rodríguez, de 15 anos e estudante do CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía. Da súa obra, O recendo de xabón lagarto, valorouse a orixinalidade e a capacidade de integrar o poder sensorial do motivo arredor do relato, evocando a obra literaria de Castelao.
Pola súa parte, Violeta Trillo Maschi, de 15 anos e alumna do IES Xelmírez II, logrou o terceiro premio (100 euros) con Corazón brillante. O xurado subliñou o seu compromiso coa realidade actual e a reflexión sobre os efectos do uso inapropiado das novas tecnoloxías.
Ademais, outorgáronse dous accésits ás alumnas do Félix Muriel Valeria Varela (17 anos), por As mans que sosteñen o mundo, e Lara Barreiro (13 anos), por Votar. O xurado estivo composto polos profesores Xabier Vázquez Parcero e Pilar Ponte Patiño; o músico O’Leo Arremecaghoná e o debuxante Kiko Dasilva.