O ton eléctrico anuncia movemento rápido: persoas con papeis na man e miradas perdidas buscando resposta á súa solicitude
09 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Do mostrador sobresae unha especie de parede de cristal, coma unha liña Maginot que separa aos solicitantes de quenda para seren atendidos no desagradable labor de pedir cita médica, xa sexa para unha consulta ou para realizar algunha proba ordenada polo médico de cabeceira. O balbordo precede aos números —de vez e de mostrador— que aparecen na pantalla cadrada colocada na parte superior dese entarimado de vidro. O ton eléctrico anuncia movemento rápido: persoas con papeis na man e miradas perdidas buscando resposta á súa solicitude.
Os funcionarios quedan por debaixo da túa mirada cando te achegas a colocar a cabeza nesa especie de portelo por onde se entrega a documentación requirida. Estar por riba non implica superioridade: o doente, desde unha posición erguida, encóllese, xunta os ombreiros e mete a man por esa pequena ventá, coma se fose un tubo, para entregar os papeis xa engurrados, pois, enteiros non caben polo burato.
É nese intre, no momento da entrega, cando o funcionario amosa a súa autoridade: accede ao ordenador, agarda —quizais porque non atopa a información pedida, ou quizais para alongar o sufrimento do administrado—, e mira desde abaixo, por riba das lentes graduadas para a miopía e o astigmatismo. Entón solta, sen reparos:
— Xa o chamaran.
— Cando?
— Cando sexa.
E ese «cando» poden ser catro, seis meses… ou algo máis.
— Pero a min non me acuse de nada. Nó estamos para o que estamos. Se quere protestar, fágao.
— A quen?
—Á atención ao paciente.
Aquí percíbese o adestramento de anos, a mestría na estratexia do paso de bola. A culpa é por elevación: ao Sergas, de quen depende o hospital comarcal do Barbanza. Non falla.