Unha charla a cargo de Xoán Pastor Rodríguez e as actuacións de María da Pontragha e Peter Punk figuran entre as actividades organizadas pola asociación Francisco Lorenzo Mariño
16 ene 2026 . Actualizado a las 13:40 h.Fiel á tradición, a asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño volveralle a render homenaxe ao que fóra párroco da localidade cunha programación cultural que chega á súa décimo primeira edición. Desenvolverase o próximo fin de semana co obxectivo, como sempre, de manter vivo o legado do cura falecido no ano 2004.
As actividades propostas pola entidade que preside Elvira Pisos comezarán o venres da man de Xoán Pastor Rodríguez Santamaría. Director do Museo do Gravado de Artes e coordinador da asociación cultural Barbantia, ofrecerá unha conferencia sobre o eido da literatura e as letras, brindando un ameno percorrido polos escritores máis destacados do municipio ribeirense.
A cita está fixada para as 20.30 na Casa do Mar de Aguiño e concluirá cunha actuación da agrupación folclórica As 7 Linguas, pertencente á entidade Lorenzo Mariño. Logo servirase un ágape entre os asistentes.
O sábado, como é tradición, unha delegación da asociación veciñal desprazarase ao cemiterio de Porto do Son, onde descansan os restos do sacerdote, para realizar unha ofrenda floral. Alí daráselle lectura a un manifesto lembrando o gran labor que desenvolveu Francisco Lorenzo e actuará un grupo de gaitas.
Tras este acto, previsto para as 17.00, oficiarase unha misa na igrexa parroquia de Aguiño. E ás 20.00, María da Pontragha subiranse ás táboas da Casa do Mar para poñer en escena o espectáculo Donas do lugar. Trátase dun conxunto de historias cotiás de mulleres que inspiran e provocan tenrura, e algunha lenda dun tempo pasado.
Para o público infantil
As actividades chegarán ao seu fin o domingo, cunha cita destinada ao público infantil. Correrá a cargo de Peter Punk, que ás 17.30 desembarcará sobre o escenario da Casa do Mar para deleitar aos cativos e aos seus acompañantes co espectáculo Con lingua propia. Co humor que o caracteriza, o pallaso busca con esta montaxe espertar nos nenos unha reflexión sobre a situación sociolingüística que atravesa o galego.
A Semana Cultural de Aguiño chega á súa vixésima primeira edición mantendo os seus obxectivos iniciais: «Divulgar a nosa cultura, identidade, historia e tradición; así como conmemorar o pasamento de Paco», destacaron desde a entidade.