Otero Pedrayo considerábase ?cito literal? unha pantasma do século XIX, e chegado un punto da súa vida era nese universo romántico onde el se sentía máis a gusto
07 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Don Ramón Otero Pedrayo morreu apenas dous meses antes de eu nacer en 1976, pero eu aínda coñezo ben de xente que o tratou, e que me falou del alén do que contan os libros de texto. As xeracións son así: elos que ao conectar vidas, tamén prenden épocas. Eu sempre penso que todos somos como fósiles de décadas que, queiramos ou non, definen a nosa identidade para sempre.
Otero Pedrayo considerábase —cito literal— unha pantasma do século XIX, e chegado un punto da súa vida era nese universo romántico onde el se sentía máis a gusto. Tamén lle contaba os amigos que chegou a coñecer na súa aldea de Trasalba a un paisano que escoitara a Napoleón en Astorga, onde o emperador se instalara o 31 de decembro de 1808. Considerando que Otero Pedrayo naceu no ano 1888, está claro que a lonxevidade dos ourensáns vén de vello.
Hai quen valora esa anécdota de don Ramón como unha proba fantasiosa da súa vontade de vivir decimononicamente, pero eu comprobei en numerosas ocasións que o noso petrucio, a diferenza do máis liberal e creativo Cunqueiro, case nunca mentía nas citas eruditas. Como moito podíase confundir nun detalle ou nun lugar, pero sempre había verdade no fondo do conto.
O Parlamento aprobou por unanimidade declarar o 2026 como Ano Otero Pedrayo no cincuentenario da súa morte. É estraño que os únicos consensos que conseguen os nosos representantes teñan que ver coa cultura e co pasado. Será porque no pasado, como ben foi aprendendo don Ramón na súa vida, sempre hai sitio para todos.