A nosa sociedade estase transformando, moitas veces, no sentido contrario ao sentidiño para manter vivo o territorio rural. Os pais insisten en que os fillos estuden carreiras universitarias para seren funcionarios, abandonando a terra que os viu nacer. Así, escasean labregos, pastores, gandeiros, canteiros, carpinteiros ou ferreiros: oficios estigmatizados como sen futuro, aínda que sexan a base da nosa identidade.
O drama agrávase porque quen lexislan dende despachos afastados da realidade rural carecen de experiencia no campo, pero exercen o poder para impor normativas desconectadas do día a día. Urbanitas que xantan comodamente co prato na mesa eríxense en ecoloxistas sen coñecer o medio que predican, impulsando grupos de presión que empurran aos políticos con normas absurdas e restritivas. Os verdadeiros custodios do territorio non as entenden, sentindo que lles rouban a voz.
Así baleirase o rural, ese espazo de convivencia forxado en séculos de esforzo colectivo, que non resiste máis trabas burocráticas e ideolóxicas. Persoas apegadas á terra, que a traballan cada día, non comprenden como dende un despacho cheo de papeis e baleiro de vivencia práctica se marca o seu destino. Acaban fuxindo, tirando a toalla e deixando orfos de protección os nosos campos, coa ameaza latente de lumes forestais devastadores e pragas que nunca existiron.
É hora de escoitar aos que coñecen a terra de verdade, de construír políticas con sentido común e non con ideoloxías alleas impostas dende fóra. Só así salvaremos un rural vivo, sostible e con futuro.