Don Ricardo Villaverde, espírito forte con vocación de servizo

Ciprián Rivas IN MEMORIAM

BARBANZA

Ricardo Villaverde en una imagen de archivo delante de la parroquia de Castiñeiras
Ricardo Villaverde en una imagen de archivo delante de la parroquia de Castiñeiras MARCOS CREO

26 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasamento do párroco de Castiñeiras e Carreira, Ricardo Villaverde Gondar —don Ricardo, para todos aqueles que o tratamos desde o noso paso da infancia á adolescencia— remítenos á lembranza dos seus compañeiros: don Francisco de Aguiño, don Alejandro de Carreira e don Francisco de Olveira; pastores que exerceron o seu apostolado nunha época histórica, o tránsito da ditadura á democracia, á que tiveron que adaptarse.

Uns porque crían na forza dun pobo dono do seu destino, outros porque observaban o cambio como inevitable, polo que era necesario axustarse seguindo aquel aforismo de Baltasar Gracián: «Cambiar segundo os tempos, o pensamento e o gusto: non se debe pensar á antiga e querer agradar á moderna». Construíron templos, crearon comunidade e viviron da mesma maneira que o rabaño ao que atendían: no mesmo lugar e coas mesmas inquedanzas.

O cura de Castiñeiras foi o último mohicano desa infantería xa nomeada. De espírito forte, de ademán suave, constante no seu traballo, non desmaiou diante daqueles que o quixeron xubilar por ter xa unha idade provecta, ignorando que a forza dun bo pastor reside na vocación de servizo, manifestada no exercicio dunha fe nese ser superior ao que se encomendaron durante toda unha vida.

Foise un veciño bo. Un home cos seus defectos e coas súas virtudes, un ser humano xeneroso, bo administrador dos bens materiais e espirituais desta Igrexa galega, cada vez máis afastada dunha freguesía carente de referentes que queiran ulir a ovella. Foise para se encontrar cos seus compañeiros, construtores dunha irmandade que perdurará, sempre e cando quen os substitúan manteñan os mesmos valores que eles.

Descansará eternamente no cemiterio de Ponte Ulla, xunto a ese río que alimenta o mar de Arousa.